O Concello insta as partes implicadas na folga de Nostián a que alcancen canto antes unha solución
O Concello reitera a súa solicitude de diálogo ás partes implicadas na folga que afecta á planta de tratamento de lixo de Nostián e esixe que se lle poña fin, canto antes, a través do diálogo e o acordo: “Respectamos o dereito a folga dos traballadores pero pedimos que ambas as dúas partes se poñan de acordo e realicen un novo esforzo para buscar unha solución laboral a esta situación”, asegurou Martín Fernández Prado, tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestrucutras.
Neste sentido, tal e como sinalou o edil: “Os cidadáns son os únicos que nos marcan a liña e o camiño”, polo que lamenta os actos vandálicos que teñen afectando ao conxunto da cidade nun momento en que miles de traballadores da hostalaría e o comercio conseguen unha parte importante dos seus ingresos anuais poñendo, deste modo, en xaque á cidade. Por iso insta as partes a chegar a un acordo para non lesionar os cidadáns que pagan os seus impostos e teñen dereito a unha cidade limpa; e para manter a imaxe turística da cidade, e que a hostalaría e o comercio non se vexan prexudicados.
O Goberno local insite en que non vai permitir que os cidadáns sexan reféns desta folga polo que seguirá poñendo todas as medidas ao seu alcance, como fixo dende o primeiro día reforzando os servizos de seguridade e recollida de lixo, co fin de garantir a limpeza das rúas.
Ademais, o Concello volve agradecer a súa colaboración á Delegación do Goberno e destaca o traballo que está a realizar tanto a Policía Nacional e a Policía Local, como os bombeiros.











