O Concello impulsa a “I Festa popular do deporte de Ortigueira” os días 9 e 10 de agosto
Os días 9 e 10 de agosto as rúas e instalacións municipais de Ortigueira estarán tomadas polos veciños/as con motivo da celebración da “I Festa popular do deporte”. A iniciativa do goberno de Rafael Girón, destinada a promover a práctica deportiva na localidade, ten na carreira popular o seu principal reclamo, se ben, suma atractivos con exhibicións de skate, clases de patinaxe e torneos de basket e fútbol.
Concibido como unha proposta lúdico- deportiva, a festa do deporte de Ortigueira busca chamar a atención sobre a importancia de rematar co sedentarismo na poboación, fomentando a participación de todos os orteganos en actividades e probas deportivas.
A iniciativa arrancará o venres 9 de agosto con dúas ofertas que permitirán poñer en valor a Área deportiva da Preguiza. As canchas do complexo municipal acollerán senllos torneos de basket 3 x 3 e fútbol 5 (maiores de 15 anos). No mesmo ámbito da piscina municipal, concretamente nas pistas de skate, se ofertarán ao día seguinte, o sábado 10 de agosto, a partir das 10 horas, clases gratuítas de patinaxe en liña. Xa pola tarde, entre as 16 e as 18 horas, desenvolverase na zona unha exhibición de rollerblading e freestyle a cargo do Club deportivo Galicia Rollers.
A festa do Deporte continuará coa que, sen dúbida, dado o seu poder de convocatoria, será a súa proposta estrela: a II Carreira Popular de Ortigueira, organizada nesta edición polo Concello de Ortigueira e o Club de Atletismo Alejandro Gómez, con apoio de ACO.
A carreira pedestre, na que se anima os veciños a implicarse, ben participando ben animando os corredores, contará, como en 2012, con distintas distancias e horarios en función das categoría, arrancando cos máis pequenos a iso das 18:30 h e rematando coa saída da proba absoluta (19:30 h), que se celebrará sobre as distancias de 5.000 e 10.000 metros a elixir polos corredores no momento da inscrición e reservada para maiores de 18 anos.
O punto e final desta “I Festa popular do deporte de Ortigueira” chegará, a partir das 21:30 horas, coa entrega de premios na Alameda.
INSCRICIÓNS
O atleta vigués Alejandro Gómez, 41 veces internacional con España e cun palmarés de auténtico luxo, implícase este ano a través do seu club de atletismo na organización da carreira pedestre ortegana que, como sucedese na pasada edición, contará con distancias e horarios en función das categorías.
A Alameda vivirá primeiro con emoción a carreira dos prebenxamíns que percorrerán uns 100 metros. Tras eles, cubrirán un percorrido de 1.000 metros os benxamíns, aliñes, infantís (nenos/ás de entre 8 e 13 anos). E finalmente, como antesala da carreira absoluta, tomarán a saída os cadetes e xuvenís (1.500 m). Como novidade, a proba absoluta estrea un circuíto puramente urbano, o que facilitará o seguimento por parte do público, e celebrarase sobre as distancias de 5 ou 10 km, a elixir polos corredores/as.
Dende o goberno local infórmase de que as inscricións terán que facerse a través da páxina web de Cronotec (www.cronotec.es), onde será obrigatorio cubrir os datos solicitados e, no caso da carreira absoluta, facer o pagamento de 3 euros ata o xoves 8 de agosto pola tarde. O resto das probas terán carácter gratuíto e os participantes poderán inscribirse ata o mesmo día da competición.
No referente ás outras disciplinas da festa do deporte, o Centro de Recepción de visitantes, situado no porto de Ortigueira, emerxe como o punto ao que deberán dirixirse para anotarse, logo de pagamento dos 3 euros de cota, os veciños/ás que queiran disputar os campionatos de basket 3 x 3 e fútbol 5.











