O Concello de Pontevedra recupera o antigo sendeiro da marxe dereita do río, pola parroquia de Lérez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Medio Ambiente, que xestiona Anxos Riveiro, iniciou esta semana os traballos de acondicionamento do sendeiro e do bosque de ribeira na marxe dereita do río Lérez. O proxecto, cun orzamento superior aos 42.000 euros procedentes dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente para a posta en valor da Rede Natura, como é o caso do río Lérez, pretende preservar e mellorar o estado de conservación da vexetación de ribeira no tramo obxecto dos traballos dentro dos límites do Espazo Natural LIC Río Lérez, incluído na Rede Natura.

O tramo do río onde se vai actuar (sempre no ámbito de servidume) corresponde ao curso baixo do río, dende a estación de bombeo de Monte Porreiro até a zona afectada polas obras do AVE, nas inmediacións da Illa do Cobo, pola marxe dereita do río. Este tramo localízase na parroquia de San Salvador de Lérez.

Nesta zona hai un antigo sendeiro que en moitos tramos está cerrado pola vexetación e intransitable polo mal estado no que se atopa sendo perigoso camiñar por el.

O bosque de ribeira está tamén moi degradado pola invasión de especies exóticas fundamentalmente acacia negra, mimosa e eucalipto pero tamén se observa o avance de outras especies como bambú, cortaderias, robíneas e Buddleja davidii.

Poden apreciarse así mesmo entullos e lixo ao longo de todo o tramo.

Os obxectivos do proxecto

Son múltiples os obxectivos que a Concellaría que dirixe Anxos Riveiro pretende acadar con esta actuación blanda e axustada ao terreo:

‐ Asegurar o mantemento en bo estado de conservación da biodiversidade do espazo natural Río Lérez.

‐ Fomentar o equilibrio harmónico entre as actividades sociais e económicas que se levan a cabo no Río Lérez.

‐ Mellorar a calidade de vida das persoas que desenvolven as súas actividades económicas e/ou de lecer no espazo natural Río Lérez.

‐ Mellorar a paisaxe rural e tradicional deste espazo da Rede Natura 2000.

‐ Manter as condicións ambientais no mellor grao de conservación posible dentro dos límites propostos pola Rede Natura 2000.

‐ Conservar e restaurar elementos históricos patrimoniais e/ou culturais no Río Lérez.

­‐ Incrementar e mellorar as explotacións agrícolas no perímetro da Rede Natura 2000 no Río Lérez.

­‐ Fomentar o valor de recreo público e mellorar a información ambiental, así como o respecto aos principios da educación pola sostibilidade no ámbito da Rede Natura 2000 Río Lérez.

‐ Mellorar o ambiente e o contorno rural no ámbito da Rede Natura Río Lérez.

­‐ Contribuír á preservación dos ecosistemas de alto valor natural no espazo de Rede Natura Río Lérez.

­‐ Mellorar a conectividade entre as dúas marxes do río.

‐ Aumentar a lonxitude do sendeiro dispoñible debido ao evidente conxestionamento do actualmente dispoñible.

Con estas premisas, a Concellaría procederá á recuperación ambiental e da paisaxe, mellorando o estado do camiño e a composición específica do bosque de ribeira. Tamén se fomentará a función de recreo público procedendo á sinalización completa do camiño mediante a instalación de paneis interpretativos dos ecosistemas, dos elementos destacables do camiño e da importancia da Rede Natura que se define ao longo de todo o espazo natural.

Os traballos do proxecto

Para conseguir estes obxectivos faranse os seguintes traballos:

– Acondicionamento dos camiños existentes: Acondicionaranse os camiños actuais e os camiños de acceso coa limpeza, roza, adecuación do firme e a drenaxe dos mesmos.

– Eliminación de obstáculos naturais e antrópicos. Limpeza do camiño, eliminando obstáculos como a invasión da vía por árbores ou por verteduras e entullos, mesmo cando estes non se atopen no camiño e no seu bordo.

– Roza selectiva. Nalgúns lugares, a matogueira invade as ribeiras chegando ó punto de tapar completamente a visión da canle do río.

Isto ten efectos negativos para a fauna posto que impide o seu paso e dificulta cuestións vitais como a alimentación e aniñamento pois o mato despraza a vexetación natural que debería existir e que conformaría o hábitat necesario para estas especies. Tamén impide o paso de persoas en lugares de esparexemento e teñen efectos paisaxísticos moi negativos.Nestes casos realizarase unha roza motorozadora de matogueira nos bordos do camiño.

– Melloras en pasos difíciles. Colocación de elementos para facilitar o paso nos sitios onde sexa necesario debido a pendentes máis fortes ou pasos máis estreitos.

– Mellora ambiental e paisaxística do bosque de ribeira.

– Eliminación de especies exóticas. Nos camiños de actuación foron detectadas altas concentracións de Acacia dealbata, Robinia pseudoacacia e Buddleja davidii entre outras. Así realizarase mediante a corta e roza sucesiva.

– Revexetación da ribeira: Consistirá na substitución da vexetación alóctona de Acacia sp e Robinia pseudoacacia por sebes de especies autóctonas. Esta actuación é beneficiosa porque axuda a crear solo e fixar o existente, mellora as condicións hidrográficas da conca, aumenta a biodiversidade, proporciona refuxio e alimento as aves e fauna do lugar, e mellora a calidade estética duns lugares empregados como espazos de lecer. Debido ao interese por conservar os ecotipos e a diversidade de especies do xénero Salix nesta parte do río Lérez só se empregará a técnica de estaquillado a partir de exemplares procedentes, como máximo, de 1.000 metros augas arriba e abaixo da zona de intervención.

– Avaliación do estado de saúde de Alnus glutinosa e a súa afectación polo fungo Phytophthora alni. Debido a gran área de afectación que ten neste momento o fungo Phytophthora alni e a virulencia coa que se produce o ataque, é necesario realizar unha avaliación do grao de afectación de dita enfermidade nesta zona e, unha vez analizada, realizar unhas medidas tanto preventivas en caso de ataque como curativas se as plantas están sanas.

– Recreo público. En todo o ámbito de actuación instalarase a sinalización necesaria para a orientación e información da poboación, xunto coa interpretación dos elementos patrimoniais máis singulares, con especial á historia do antigo Mosteiro de San Salvador de Lérez e máis o Balneario de Lérez (“Aguas Minerales Lérez”), xunto á excepcional natureza deste treito do río Lérez.

– Sinalización Interpretación Ambiental e Rede Natura. Mediante a sinaléctica interpretaranse os puntos de interese máis relevantes do contorno próximo ao camiño, no espazo protexido, no referido ao medio natural e ao patrimonio, con especial atención ao significado e valor da Rede Natura.

O proxecto debe executarse nos anos 2013 e 2014. Isto ven motivado pola propia natureza dos traballos.

Na relación de labores a levar a cabo, inclúese a revexetación da beira do río mediante o estaquillado de Salix sp. Pois ben, esta labor debe realizarse no inverno, fora do período de xiadas polo que a época apropiada para levalo a cabo corresponde aos meses de xaneiro ou febreiro. De aquí a imposibilidade de realizalo na súa totalidade na anualidade presente.

10 de agosto de 2013 | 11:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.