O Concello de Ordes réndelle homenaxe aos emigrantes representados na figura de Manuel Brandarís
O homenaxeado, arroupado de familiares, amigos e dos membros da corporación municipal, depositou un gran ramo de flores no monumento ubicado a carón do consistorio.

Manuel Brandarís acompañado do alcalde de Oredes e da súa dona
Coincidindo co día de San Roque o Concello de Ordes viviu hoxe unha nova xornada festiva, nesta ocasión adicada especialmente aos emigrantes. Este ano a responsabilidade de asumir a representación de todos os que un día tiveron que saír da comarca de Ordes por motivos económicos ou políticos foi para Manuel Brandarís.
Nado en 1930 en Ordes, con 22 anos Manuel Brandarís colleu as maletas e marchou cara a Venezuela cun contrato de traballo no sector da construcción. Alí obtivo un porvir e fundou unha familia, ata que fai 22 anos quedou viuvo, momento no que decidiu instalarse en Arxentina. No día de hoxe estivo arroupado tanto pola súa segunda esposa como polos familiares que residen no municipio. Na homilía que tivo lugar esta mañá na igrexa parroquial de Santa María tivo a oportunidade de contar a súa historia por boca da tenente de alcalde Silvia Marín. Precisamente foi nese momento cando tivo unhas verbas de lembranza para todos os falecidos no accidente ferroviario de Angrois acontecido o pasado mes. Unha fatalidade que tampouco quiso deixar pasar por alto o alcalde de Ordes, Manuel Regos, no seu saúdo. Na súa intervención falou da emigración e do que “actualmente supón para tantos xóvenes talentosos que formamos na nosa terra que teñen que coller as maletas e marchar fóra en busca dun futuro”. Regos fixo un chamamento ás altas instancias políticas e cúpulas de poder ”para que poñan solución a este problema que afecta moitas familias”. Para finalizar desexoulles a todos os veciños e veciñas unhas boas festas, ademais de facer unha lembranza por todos aqueles desaparecidos no último ano. Escoitando estas palabras estaban centenares de persoas que abarrotaban a igrexa parroquial de Santa María, ademais do equipo de goberno ao completo e os restantes membros da corporación municipal e corpos de seguridade local.
Unha vez rematado o acto litúrxico, Brandarís recibiu de mans do alcalde unha placa conmemorativa en recordo deste día. Minutos máis tarde todos os presentes trasladáronse ata o monumento ao emigrante, ubicado nas proximidades do Concello. Alí Manuel Brandarís e o edil ordense colocaron un gran ramo de flores, mentres a Banda de Música de Ordes ambientaba o momento interpretando o himno galego.
Posteriormente todos os alí presentes trasladáronse ata a Alameda para desfrutar do concerto ofrecido pola mesma banda, a cal doulle paso a orquestra Magos de España, para facer bailar a todos durante a sesión vermú . Xa pola noite chegaralles o turno a artista local Tania Veiras e á formación París de Noia. Mañá serà o turno para Bahía Blanca, que este ano poñerá o peche ás festas patronais de Ordes.











