O Concello de Lugo tramitou 20 licenzas para instalación de ascensores durante o primeiro semestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLugo
A-
A+
Luis Álvarez, concelleiro de urbanismo

Luis Álvarez, concelleiro de urbanismo

O Concello de Lugo, no que vai de ano, autorizou a instalación de 20 novos ascensores en edificios que antigos que carecían desta infraetrutura. Así, o deu a coñecer esta mañá o Alcalde accidental e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, na rolda de prensa na que informou dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá.

O Alcalde accidental sinalou que “estes datos dan boa conta da necesidade de proceder á instalación de ascensores na cidade especialmente en edificios que xa teñen moitos anos e que non contan co espazo necesario” por este motivo se exceptúan a eses edificios de cumprir as máximas condicións de accesibilidade nas zonas dos portais ao quedar estes reducidos. Tamén sinalou que dende o Concello se tramitan coa maior celeridade posible as licenzas para a instalación de ascensores xa que “consideramos que é un requisito mínimo para que un edificio sexa accesible e garantir as veciños e veciñas unha boa calidade de vida”.

Neste sentido, a Xunta de Goberno Local, tamén aprobou a modificación do artigo 27.4 da Ordenanza Municipal de supresión de barreiras arquitectónicas no relativo aos ascensores para a armonización coa normativa europea. Álvarez explicou que “en moitos aspectos a normativa galega é máis estrita que a europea como pode ser na altura dos botóns dos ascensores que aquí teñen que ter unha distancia de 0,80 cm con respecto ao solo e con esta modificación vai ser de 0,90 cm”.

Outro dos asuntos aprobados foi a contratación do servizo de comidas do centro de día Antonio Gandoy que ofrece o almorzo, xantar e merenda. A duración do contrato é de dous anos prorrogables a outros dous e terá un presuposto máximo de 66.530,64 euros ive incluido. Desta maneira, o Concello prevé ofrecer un total anual de 14.040 menús.

O Alcalde accidental tamén sinalou que se aprobou o prego de cláusulas para a contratación do estudo da Praza de Abastos por un presuposto de 96.800 euros ive incluido e cun prazo de realización de 4 meses e medio. Neste proxecto levarase a cabo unha auditoría enerxética, un plan de residuos, unha proposta de aproveitamento comercial do edificio e un proxecto de obras mínimas necesarias como a cuberta, a renovación do saneamento, a creación de aseos, a redistribución do espazo ou a instalación de rede wi-fi.

14 de agosto de 2013 | 21:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.