O Concello de Ferrol instala novas papeleiras no centro histórico da cidade
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Servizos e Medio Ambiente que dirixe Borja Carro Muñoz, comezou a instalación de novas papeleiras na cidade. O proceso afectará a todas as zonas do municipio e suporá o incremento nun 50% do número de unidades até chegar a dotar a Ferrol de aproximadamente 1.500 novas papeleiras. Con esta medida, que non terá custe engadido algún para as arcas locais posto que Urbaser –empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo- asume o custe da compra e colocación destes elementos dentro do actual contrato de concesión.
Así as cousas, os operarios de limpeza iniciaron esta maña a colocación do novo modelo de papeleiras nas rúas do barrio da Magdalena. Nesta zona histórica do centro urban instalaranse un total de 176 unidades, de tal xeito que haberá dous en cada cruzamento do trazado da Magdalena. O deseño destas unidades tamén é exclusivo, acorde cos requisitos que establece Patrimonio para o barrio da Magdalena, cun deseño en liñas rectas, en aceiro galvanizado de cor gris forxa e con soporte de aceiro inoxidable. Ademais das papeleiras, se colocarán dispensadores para distribuír bolsas hixiénicas para cans, cun modelo similar ao modelo de papeleira. Os sitios en que se localizarán son: Cantón de Molíns, zona das Angustías, inmediacións do mercado da Magdalena, prazas de Armas e Amboaxe, proximidades do Parador de Turismo.
O titular de Servizos explicou que unha vez que se remate coa instalación destes elementos no barrio da Magdalena se continuará por outros puntos da cidade, dándolle prioridade aos paseos marítimos de Caranza e A Malata. En total, no conxunto do municipio instalaranse 559 papeleiras -176 no casco histórico e as 383 restantes, estas de plástico, no resto dos barrios-. Tamén se dotará a cidade de máis dunha vintena de dispensadores de bolsas hixiénicas para cans. E ademais de ampliar o número de papeleiras procederase a recolocar outras 900 unidades xa existentes. Desta forma, todos os barrios da cidade contarán cun maior número de papeleiras en servizo.
Colectores de quita e pon
Xunto coa instalación das papeleiras e dispensadores de bolsas hixiénicas, dende a xornada de onte entraron en servizo os novos colectores de lixo de “quita e pon” do barrio da Magdalena. Estes novos recipientes tamén son máis acordes coas rúas do casco histórico onde se colocan de luns a domingo en horario de 19.00 a 23.00 horas. Urbaser adquiriu para prestar este servizo un total de 150 novas unidades. Había máis de seis anos que non se renovaban estes colectores da Magdalena.
Este plan de renovación e aumento do número de papeleiras que se está a levar a cabo responde á liña de traballo que dende o principio de mandato está a seguir o Goberno Municipal co obxectivo de ir mellorando, día a día, a imaxe da cidade e cubrir as múltiples deficiencias que esta ten: dende o escaso número de papeleiras até a falta de sinalización e pintado de viarios ou o mantemento de aceiras e calzadas. Fronte a este déficit de anos de falta de investimentos na conservación e coidado da cidade, o actual executivo local puxo en marcha un ambicioso Plan de Barrios, que inclúe servizos como a sinalización das rúas, o arranxo de fochancas e de beirarrúas, a mellora das zonas verdes ou a instalación de papeleiras.
O edil Carro Muñoz apuntou que coa instalación destas unidades e a renovación dos colectores “acabamos coa escaseza de papeleiras, que era especialmente alarmante no centro da cidade; con máis unidades e unha distribución máis racional”. Así mesmo, o responsable de Servizos apuntou que esta medida tamén servirá para ir homoxeneizando paulatinamente os modelos de papeleiras que temos na cidade.











