O Concello de Ferrol conta con dúas brigadas de prevención de incendios forestais ata finais de outubro
O Concello de Ferrol conta dende o pasado mes de xullo e até finais do vindeiro mes de outubro con dúas brigadas de prevención de incendios forestais, cada unha delas composta por cinco persoas. Estas cuadrillas ocúpanse de tarefas de prevención de lumes, que consisten basicamente na limpeza de camiños e parcelas da zona rural de carácter forestal. A súa entrada en servizo obedece ao acordo de colaboración que mantén a Administración local coa Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.
As tarefas comprenden actuacións manuais en vías e camiños forestais, áreas corta – lumes e faixas de xestión de biomasas mediante roce, rareo e eliminación de restos. Ademais, levan a cabo traballos de vixilancia e defensa contra os incendios forestais o que supón que as brigadas colaboran de maneira prioritaria na defensa contra os incendios forestais ao estar integradas no dispositivo do Distrito Forestal ao que pertence o municipio ferrolán, dentro do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga). Así mesmo, as cuadrillas forestais poderán colaborar na defensa de incendios declarados noutros ámbitos territoriais, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, en circunstancias extraordinarias.











