O Concello da Laracha comezará o plan de sinalización vertical despois das festas patronais
O Concello da Laracha ten previsto iniciar o desenvolvemento do novo plan de sinalización vertical na rede viaria municipal a próxima semana, unha vez rematadas as Festas Patronais da Laracha.
O goberno local deseñou unha actuación dirixida a colocar novas sinais verticais de tipo informativo e orientativo, que indicarán a condutores e viandantes aspectos como a situación de núcleos de poboación, instalacións públicas, parques, áreas de descanso, museos e zonas de interese turístico.
Estes novos indicadores serán instalados en puntos estratéxicos da rede viaria municipal, nos cascos urbanos, comezando polo da Laracha.
Deste xeito completarase o extenso proxecto de sinalización desenvolvido recentemente, incluíndo neste caso a substitución de sinais en mal estado e colocación de novos indicadores referidos a infraestruturas de recente creación e posta en funcionamento.
A actuación é complementaria á renovación das marcas viarias –principalmente, pasos para peóns e zonas de aparcamento- que se acometeu nas vías dos tres cascos urbanos durante os dous últimos meses.
En definitiva, o Concello da Laracha promoveu ambos plans cos obxectivos fundamentais de reforzar a seguridade viaria para vehículos e peóns e mellorar a información que se ofrece aos condutores sobre o lugar de situación de determinadas infraestruturas e instalacións públicas.











