O Concello da Lama adxudica as obras de eficiencia enerxética
O Concello da Lama acaba de adxudicar dúas obras que redundarán no aforro e na eficiencia enerxética.
Un dos proxectos ascende a 60.500 euros para a reforma e o aforro do alumeado público na parroquia de Antas, concretamente na zona de Ramallal e na parroquia de Xende, nos lugares de Paradela e Igrexa.
Estas obras levaranse a cabo con parte dos Fondos de Compensación Ambiental (FCA) que percibe o Concello polo número de aeroxeneradores existentes nos seus montes, estes fondos soen reinvertirse no aforro e eficiencia enerxética.
O outro proxecto, que foi presentado de maneira conxunta polos concellos de Fornelos de Montes, Mondariz e A Lama, é subvencionado polo INEGA. O proxecto da Lama ascende a 35.533 euros para a reforma do alumeado público para o aforro enerxético na parroquia de Gaxate. Desta cantidade o INEGA subvenciona o 85% e o 15% restante a cargo dos Fondos de Compensación Ambiental (FCA).
O alcalde está moi satisfeito con estes dous proxectos, xa que redundarán no beneficio de todos os veciños e ademais contribúen ao coidado do medioambiente e o aforro de costos para o Concello.











