O Concello da Coruña ratifica o seu compromiso coa licitación das obras de urbanización nos Mariñeiros e O Birloque

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Xunta de Goberno

Xunta de Goberno

O Concello aprobou, na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, a licitación dos contratos para acometer obras de urbanización tanto no barrio dos Mariñeiros coma do Birloque, e que complementan as actuacións de rehabilitación en ambas as dúas áreas.

A Xunta de Goberno tamén aprobou ao proxecto de implantación de dous campos de fútbol en San Pedro de Visma, que estarán a disposición dos coruñeses 11 meses ao ano; e a licitación do servizo de mantemento e reparación das instalacións da rede semafórica.

Con todas estas actuacións, Martín Fernández Prado destacou que a semana grande das festas de María Pita, tamén o foi das infraestruturas e recordou o anuncio de que a Xunta investirá 12 millóns de euros no Parrote, a presentación do proxecto para a conexión Glasgow-Picasso; a licenza para a recuperación do baluarte do Parrote; a licitación do túnel da Marina; a licitación da escola infantil do Agra do Orzán; a licitación das obras de urbanización Os Mariñeiros e O Birloque; e a licenza para a construción de dous campos de fútbol en San Pedro de Visma: “7 grandes obras nos 7 días dunha fantástica semana grande da cidade, non só en cultura e ocio, senón tamén en infraestruturas e equipamentos para a cidade”, asegurou.

BIRLOQUE E MARIÑEIROS

Tal e como informou Martín Fernández Prado, o Concello continúa coa súa aposta pola rehabilitación e a recuperación dos barrios, xa que a Xunta de Goberno Local deu luz verde á licitación de diferentes traballos de urbanización nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) Dos mariñeiros e O Birloque.

Por unha parte, aprobouse a licitación da intervención urbana nos Mariñeiros cun presuposto de 267.821 euros. En concreto, o contrato inclúe o proxecto de reurbanización do barrio que consiste na renovación de pavimentos, tanto na beirarrúa coma na calzada, traballos de iluminación e reparacións puntuais, ademais de instalación de saneamento, recollida de pluviais e infraestruturas en xeral. En total, intervirase nunha superficie de 1.621 metros cadrados e os traballos terán un prazo de execución de 6 meses. A actuación enmárcase no proxecto de recuperación integral do barrio que se leva desenvolvendo dende o pasado ano.

No caso do Birloque, licitarase a intervención urbana nesta zona cun presuposto de 199.995 euros. Esta actuación completa os traballos de rehabilitación que se levaron a cabo durante os últimos meses e que permitiron a mellora de elementos comúns dun total de 40 vivendas.

Agora, levarase a cabo un proxecto que ten como obxectivo mellorar o ámbito das edificacións facilitando a accesibilidade e interconexión entre espazos exteriores situados a distinto nivel, a ampliación da área peonil e a creación dunha barreira vexetal fronte ao automóbil, a realización dunha pequena área de esparexemento con mobiliario urbano, así como a renovación de instalacións urbanas e o acondicionamento de beirarrúas e zonas de aparcadoiro con novo pavimento. O prazo de execución previsto é de 3 meses e intervirase nunha superficie de 2.500 metros cadrados. “Con este conxunto de actuacións conseguiremos humanizar este espazo e dotalo de maior accesibilidade”, resumiu o concelleiro.

Fernández Prado destacou que estes dous novos proxectos ratifican o compromiso do Goberno local cos barrios da cidade: “Responden ás políticas de rehabilitación, rexeneración urbana e mellora da calidade de vida que estamos plaicando na cidade”, sinalou.

CAMPOS DE FÚTBOL DE SAN PEDRO DE VISMA

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou os proxectos relativos á construción de dous campos de fútbol en San Pedro de Visma, que inclúe a demolición das edificacións existentes; o acondicionamento dos campos e a súa implantación.

No caso da demolición, refírese a 2 vivendas unifamiliares e as súas edificacións auxiliares. Derrubaranse aproximadamente 517,15 metros cadrados.

En canto ao acondicionamento, contempla actuacións de urbanización para accesos e estacionamentos, así como a dotación dos servizos urbanísticos necesarios para a execución das instalacións deportivas. Os traballos a realizar comprenderán movemento de terras e explanacións, pavimentación de calzadas e beirarrúas, sinalización de vías públicas, axardinamento e mobiliario urbano, rede de abastecemento de auga potable, rede de saneamento, rede de enerxía eléctrica, iluminación pública e telecomunicacións.

No relativo á implantación de dous campos de futbol, contempla a construción de vestiarios, bancadas, ramplas, escaleiras e itinerarios peonís, todo iso, cunha superficie de ocupación de 21.765 metros cadrados. Un dos campos terá unhas dimensións regulamentarias de 105 x 68 metros, adecuadas para celebrar partidos de alto nivel deportivo. O outro será máis reducido, cunhas dimensións de 100 x 63 metros. Ambos os dous contarán cunha bancada con capacidade aproximada de mil asentos cada un. En canto ao edificio de vestiarios, desenvolverase nunha soa planta que constará de 8 vestiarios de equipo, 4 vestiarios de árbitros, sala de masaxe, cuarto de limpeza, zona de oficina e control, almacén, aseos xerais para público e cuarto de instalacións. Todo iso cun custo de 1,7 millóns de euros, dos que a Federación Galega de Fútbol asumirá a parte correspondente á execución dos campos.

Fernández Prado destacou que este proxecto sitúa á cidade como “referente deportivo galego” e que, grazas a esta iniciativa, 4.500 nenos e nenas da cidade se poderán beneficiar destas instalacións xa que a previsión é que a Federación utilice os campos de fútbol entre 15 días e un mes para xornadas de tecnificación e partidos, mentres que o resto do ano estará a disposición do Goberno municipal para desenvolver actividades deportivas e favorecer os veciños a práctica do fútbol.

REDE SEMAFÓRICA

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á licitación do servizo de mantemento e reparación das instalacións da rede semafórica da cidade e do apoio á xestión e explotación da sala de control de tráfico, cun prezo base anual de 965.000 € (Ive incluído) e un prazo de duración do contrato de 4 anos, que poderá prorrogarse ata un máximo de dúas anualidades máis.

Trátase do primeiro contrato que permitirá a xestión intelixente da rede semafórica, interconectada coa plataforma de Smart Cities para crear unha rede polivalente, transversal, e preparada para cooperar co cidadán e co resto dos sistemas. Inclúe a mellora da eficiencia enerxética da rede a través da instalación de ópticas de tecnoloxía LED; a mellora da infraestrutura existente implantando 3,5 quilómetros de fibra óptica; e a mellora da xestión do tráfico a través de cámaras dixitais e novos puntos remotos para a vía prioritaria vixiada.

LICENZAS URBANÍSTICAS

Martín Fernández Prado informou, tamén, da concesión de licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 2,83 millóns de euros, o que eleva a cantidade final dende o inicio do mandato ata os 257 millóns. Entre os expedientes tramitados, encóntrase a licenza á Autoridade Portuaria para executar o proxecto de Posta en valor de estruturas defensivas no Parrote, que supoñerá actuar sobre un superficie de 3.288 metros cadrados e que abranguerá os locais baixo o Paseo do Parrote, a protección dos restos, reinterpretación do baluarte e percorrido arqueolóxico.

Por outra parte, deuse luz verde á aprobación do expediente de contratación e apertura do procedemento de adxudicación da Escola Infantil Municipal do Agra do Orzán, así como a autorización do gasto deste.

9 de agosto de 2013 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.