O Concello da Coruña inicia os traballos de limpeza do Convento de San Francisco

Labores de limpeza no convento
O Concello da Coruña, a través da área de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa do inicio de traballos no Convento de San Francisco. Trátase dunha actuación complementaria ao Plan Director de Murallas e que forma parte do Proxecto de Recuperación dos Depósitos Arqueolóxicos da cidade, no que o Goberno local inviste 100.000 euros.
Durante os meses de xuño e xullo procedeuse á limpeza e estudo estratigráfico da muralla da Coruña e como complemento a esta actuación vanse iniciar os traballos de limpeza dos restos visibles do Convento de San Francisco. A actuación pretende abordar a limpeza tanto dos muros coma dos pavimentos que nestes momentos se encontran tapados por un manto vexetal. Esta limpeza será o punto de partida para desenvolver unha segunda fase que estará encamiñada a redactar e executar un proxecto de consolidación das estruturas arqueolóxicas.
Con esta iniciativa o Goberno local pretende protexer, coidar e promover o patrimonio artístico e arquitectónico da cidade. Ademais de dar a coñecer os coruñeses e visitantes a historia da Coruña, o seu pasado e orixes. Neste caso concreto, o Convento de San Francisco gozou dunha gran presenza dende época medieval na cidade coruñesa. Este edificio fundouse a inicios do século XIII e foi testemuña dunha serie de feitos históricos de vital importancia para a cidade, non obstante unha serie de episodios históricos ensombreceron a verdadeira importancia deste depósito. O obxectivo desta actuación é volver facer visible este espazo histórico socialmente. Na segunda metade deste ano abordaranse unha serie de actuacións arqueolóxicas e de restauración que teñen como obxectivo facer visibles outros fitos do Patrimonio Arqueolóxico da Coruña.











