O goberno da Coruña destaca a normalidade no servizo de recollida do lixo nas últimas horas
O Goberno local informa de que durante as últimas horas o servizo de recollida de lixo, tras dez días de folga na planta de tratamento de Nostián, traballou con normalidade e sen alteracións nin incidentes de importancia. Neste sentido, o reforzo das medidas de seguridade posto en marcha esta semana foi un factor determinante, polo que o Concello agradece á Delegación de Goberno a súa colaboración e destaca o esforzo de Policía Nacional, Policía Local e Bombeiros que, grazas ao seu traballo, garantiron a seguridade para que a cidade recupere a imaxe de normalidade.
Por outra parte, o Goberno local quere mostrar a súa satisfacción porque as negociacións estean, á fin, exclusivamente na mesa e nos despachos e non na rúa mediante actos vandálicos. Neste sentido reitera a súa esixencia ás partes implicadas de que continúen coa vía do diálogo para achegar posturas e alcanzar unha solución coherente canto antes, xa que é urxente e os cidadáns non merecen esta situación. En todo caso, dende o Concello seguiranse tomando todas as medidas necesarias para paliar os efectos desta folga e garantir, tanto a recollida de lixo, coma a seguridade cidadá. Ademais, mostrarase inflexible ante os actos vandálicos que están a boicotear á cidadanía, xa que o benestar dos coruñeses é o primeiro.











