O Concello da Coruña colabora coa Cruz Vermella en dous proxectos estratéxicos para a atención ás persoas necesitadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Visita ás instalacións de Cruz Vermella

Visita ás instalacións de Cruz Vermella

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, visitou esta mañá a sede que a Cruz Vermella Española ten na cidade e coa que colabora estreitamente o Concello.

Así, Miguel Lorenzo referiuse aos dous últimos convenios subscritos coa entidade e aos que o Concello destina 133.000 euros dentro do seu compromiso e apoio coas institucións sociais da cidade e que teñen como principais obxectivos:

– Ofrecer de xeito inmediato unha atención especializada ás persoas que de forma imprevista se encontren en situación de vulnerabilidade social.

– Completar a atención dos servizos sociais municipais.

– Apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, cando o desenvolvemento das súas funcións presente problemáticas sociais que requira inmediatez e sistemas de resposta especializados.

– Responder, no menor tempo posible, ás urxencias sociais, tanto individuais coma colectivas.

En concreto, o Goberno local asinou dous convenios para a atención das persoas que máis o necesitan: o Servizo Municipal de Urxencias Sociais (SEMUS) e o programa de Transporte Sanitario. “Trátase de dous proxectos estratéxicos para a área de Servizos Sociais e que corroboran a filosofía municipal de complementar o labor da Administración con axentes capaces, de recoñecida traxectoria e cun valor engadido precisamente por ser sociedade civil e que, como Cruz Vermella, desenvolven accións de benestar social e servizos asistenciais e sociais, con especial atención a colectivos ou persoas con dificultade para a súa integración, afianzando o traballo que realiza a Concellaría”, explicou o concelleiro.

Miguel Lorenzo detallou que o programa Transporte Sanitario conta cunha subvención de máis de 63.000 euros que permiten que Cruz Vermella dispoña dun vehículo sanitario na cidade para o traslado de persoas en situacións de emerxencia ou con algún tipo de problema de saúde que dificulten a súa mobilidade, complementando o labor realizado polo Sergas, o 061 e outras institucións comprometidas na atención sanitaria. “Consiste na mobilización urxente dunha ambulancia coa súa correspondente dotación. Durante o ano 2012 foron atendidas 2.960 persoas”, explicou.

Respecto ao Servizo Municipal de Urxencias Sociais (SEMUS), o Concello achega 70.000 euros. “É unha prioridade para este Goberno municipal dar resposta inmediata a todas aquelas persoas que se encontren nalgunha situación de emerxencia social e este programa ten como obxectivo fundamental o de asegurar unha atención continuada no campo social, complementando a xa realizada dende a Concellaría de Servizos Sociais”, matizou Miguel Lorenzo que recordou que o programa, activado dende o Concello, realiza un labor de observación e diagnóstico sobre situacións de pasa a noite na rúa, ademais de intervir en todas aquelas situacións complexas nas que exista unha vertente social que precisa solución.

7 de agosto de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.