O concelleiro Mourelo anuncia a licitación da escola infantil municipal do Agra del Orzán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, avanzou esta mañá que a próxima sesión da Xunta de Goberno Local, que se celebrará mañá venres, levará a aprobación a licitación da construción da Escola Infantil Municipal do Agra del Orzán, na parcela do CEIP Raquel Camacho: “É o paso que garante que este novo equipamento educativo está máis preto de ser unha realidade e que demostra o compromiso deste Goberno local coa educación e que en tempos difíciles segue apostando por este piar básico do estado de benestar”, asegurou o concelleiro.

O edil asegurou que, desta forma, se desbloquea un novo asunto que levaba tempo paralizado pola incapacidade do anterior bipartito para construír unha nova escola infantil no barrio: “Unha zona que alberga o 12% da poboación coruñesa e que carecía deste tipo de servizo básico tanto para a educación e socialización dos menores coma para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar”, asegurou e subliñou que con este novo centro, os menores do Agra del Orzán terán a oportunidade de acceder, nun mesmo ámbito, ao ensino dende os 0 aos 18 anos, xa que no mesmo lugar se encontra tanto o CEIP Raquel Camacho como o IES Agra I.

A escola infantil terá unha edificabilidade total de 1.356 metros cadrados e estará composta por tres corpos graduados: un de planta baixa con fronte á rúa Antonio Pedreira Ríos; soto, planta baixa e primeira planta cara á rúa Alcalde Liaño Flores; e planta baixa e primeira planta interior.

Todas as dependencias educativas e de adminsitración susceptibles de ser utilizados polos nenos e a comunidade educativa se situarán na planta baixa, de tal forma que o funcionamento da escola xirará en torno a un espazo de usos múltiples e un patio interior; mentres que na planta primeira se situarán as dependencias de carácter interno como vestiarios ou lavandaría. Dispoñerá dun total de 6 aulas para 94 alumnos, espazo de usos múltiples de 230 metros cadrados, un patio exterior de xogos con pavimento de caucho e zona de xardín. A fachada terá paneis de vivas cores para lograr unha estética acorde ao uso das instalacións. Ademais, está previsto reservar 12 prazas de aparcadoiro, unha delas adaptada.

Mourelo recordou que a nova escola infantil do Agra del Orzán está financiada con fondos europeos a través do Plan Urbana C e que, por este motivo, debe estar finalizada antes de 2014. O presuposto destas obras ascende a 1.036.933,17 euros e o prazo de execución das obras é de 10 meses.

Francisco Mourelo repasou todos os trámites que este Goberno local tivo que realizar para desbloquear este asunto e chegar á súa licitación:

– Agrupar todos os terreos correspondentes ao colexio Raquel Camacho e do Instituto Agra I nunha parcela de 12.665 metros cadrados.

– Segregar deste terreo en tres: Colexio de Infantil e Primaria Raquel Camacho, Instituto de Secundaria Agra I e unha nova parcela independente de 904 metros cadrados para a construción desta nova escola infantil.

– Cambiar o uso de parcela para que pase a ser equipamento público educativo-asistencial.

O concelleiro recordou que este novo equipamento se suma ás sete escolas infantís municipais actuais e sinalou que neste mandato o Goberno local avanzou na construción doutras dúas escolas infantís na cidade.

Por outra parte, o concelleiro avanzou que a Concellaría de Educación segue adiante co seu plan estratéxico de mantemento e mellora nas instalacións educativas da cidade e dos espazos públicos docentes e asegurou que, ademais de todas as importantes actuacións realizadas en materia de patios e cubertas e das obras menores de acondicionamento, durante o próximo curso se reforzarán estes traballos para “garantir non só a calidade do ensino, senón que esta se produza nas mellores condicións”, finalizou.

8 de agosto de 2013 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.