O concelleiro de Medio Ambiente visita o renovado parque de Padre Rubinos

Vista xeral do parque infantil
O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, visitou a área infantil de Padre Rubinos tras os traballos de mellora realizados nas últimas semanas e nos que o Concello investiu 134.000 euros.
A actuación en Padre Rubinos tenÍa como obxectivo a dinamización dunha área obsoleta e con pouco uso para transformala nun ámbito amable; máis accesible a todos; integrador para todas as idades, contando cun circuíto biosaludable; con mobiliario urbano sostible procedente de elementos reciclados; unha gran capacidade de usuarios e moita variedade na oferta de xogos, fomentando sobre todo a motricidade dos máis pequenos. En definitiva, un deseño novidoso, divertido e moderno ao servizo dun barrio que se mostrou moi receptivo ás novas instalacións propostas e ansioso do seu desfrute.
En concreto, os traballos consistiron na reposición dos pavimentos; a retirada, restauración e recolocación da fonte; reposición do mobiliario urbano; reparación das beirarrúas; e reparación e acondicionamento dos elementos existentes con recolocación de tres xogos en novas localizacións. Ademais instalouse un bambán adaptado.
Esta actuación únese á recente inauguración da área infantil do parque de Santa Margarida e responde ao compromiso do Goberno local coa modernización dos espazos públicos.











