O Centro Comercial Aberto de Melide recibiu unha axuda para realizar campañas que impulsen o comercio
A Consellería de Economía e Industria apoiará a posta en marcha de diversas accións de impulso ao comercio de proximidade promovidas pola Asociación de Empresarios Terra de Melide-Centro Comercial Aberto Asetem, do concello de Melide, coa concesión dunha axuda de 22.240 euros.
Trátase dunha subvención dirixida aos Centros Comerciais Abertos co obxectivo de financiar a figura clave do pequeno comercio galego, a través de actuacións que permitan atraer nova clientela e mellorar os servizos que ofrecen. Dentro das actividades que desenvolverá Asetem con esta achega inclúense campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes e mellora da sinalización comercial. En total, a entidade destinará a este proxecto 27.800 euros, dos que a Xunta de Galicia subvencionará o 80%.
Na provincia da Coruña, beneficiaranse deste programa ata 14 Centros Comercias Abertos, que recibirán en total 470.847 euros. Estas entidades atópanse nos concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Melide, Arteixo, Betanzos, Noia, Rianxo e Ribeira. A contía máxima das axudas para cada un é de 40.000 euros e poden alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función dos concellos nos que estén situados e do número de establecementos asociados.











