O barrio de Ferrol Vello xa conta con novos colectores de lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol continúa cos traballos de renovación e instalación de novas papeleiras e colectores de lixo en diferentes zonas da cidade. Así, ás unidades de “Quita e Pon” e ás papeleiras que estes días se colocaron no barrio da Magdalena –cun deseño específico máis acorde co casco histórico e seguindo os criterios da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia-, súmanse os novos colectores de lixo que se emprazan en Ferrol Vello.

A Concellería de Servizos e Medio Ambiente, que dirixe Borja Carro Muñoz, informou de que o número de novos colectores de lixo instalados en Ferrol Vello ascende a 68, do mesmo modelo que os novos recipientes de “Quita e Pon” das rúas do centro da cidade, co obxectivo de avanzar na homoxeneización destes elementos. A capacidade dos colectores de Ferrol Vello é aproximadamente de 1.000 litros, e son de carácter permanente.

A instalación deste novos elementos de lixo responde ao plan do Goberno Municipal de incrementar e redistribuír o número de papeleiras e colectores no conxunto da cidade, comezando polos cascos antigos de A Magdalena e Ferrol Vello. Esta medida enmárcase dentro do obxectivo de mellorar a imaxe de Ferrol cunhas rúas máis limpas. O custe da instalación destes elementos corre a cargo de Urbaser, empresa concesionaria do servizo de limpeza do municipio, tal e como se recolle no prego do contrato.

13 de agosto de 2013 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.