publicidade hoxe

O arranxo da estrada diante da igrexa de Vitre ascenden a 16.500 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesLocal
A-
A+
Obras no entorno da igrexa de Vitre

Obras no entorno da igrexa de Vitre

O Concello de Frades vén de iniciar esta semana as primeiras obras incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2013, consistentes na ampliación e mellora da calzada da estrada diante da Igrexa de Vitre. Un proxecto orzamentado en 16.511 euros e que estará rematado nun par de semanas.

Os traballos consisten nunha ampliación da calzada no entorno da igrexa de Vitre e na instalación dun sistema de recollida de pluviais, con tubos de 400 milímetros de diámetro e unha tajea para o cruzamento da estrada para unha maior seguridade tanto de vehículos e peóns. Os traballos deron comezo esta semana co desmonte preciso para a ampliación da estrada e continuarán durante a próxima semana coa instalación do sistema de recollida de pluviais e a pavimentación da estrada en rego asfáltico.

Manuel Ferreiro, alcalde en funcións de Frades, explica que este traballos “evitarán atascos e problemas de circulación que adoitan producirse cando se celebran oficios relixiosos, pois agora os veciños e veciñas disporán de espazo para poder deixar o coche”. As obras están incluídas dentro do proxecto de conservación e mellora das pistas municipais de Gafoi, Pontecarreira, Ledoira, Añá e Vitre, orzamentado en 59.998 euros.

Próximas melloras

Entre as melloras incluídas neste proxecto se inclúen o acondicionamento da entrada ao colexio de Pontecarreira, a mellora dos accesos á capela das Virtudes (Vitre) e ao camposanto de Añá (para mellorar a zona de aparcamento), así como melloras nos accesos a O Currás (Gafoi), Vilar (Ledoira), Sanamil (Añá) e Pontecarreira (Gafoi, por detrás do centro de saúde). Tamén se inclúe unha mellora da seguridade viaria na pista que une Pontecarreira e Ledoira.

O Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2013 foi aprobado por unanimidade no pleno de xaneiro. Ascende a 198.523 euros, dos que o Concello de Frades destina máis do 80% ao financiamento de obras de mantemento e mellora do firme dos viais municipais nas distintas parroquias de Frades.

23 de agosto de 2013 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.