O alcalde de Ortigueira destaca ao Outlet Estival como animador do consumo e dinamizador da actividade comercial local
O alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, visitou esta mañá os postos da III Feira Outlet de verán da localidade, que se abría ao público ás 10 horas. A cita, organizada por ACO coa colaboración da Concellaría de Emprego, ofrecerá durante o fin de semana as mellores oportunidades. Tras a súa visita, o rexedor subliñou a importancia do evento” que para animar o consumo e favorecer a actividade comercial e empresarial da localidade”.
Tendas de regalos, mercería, moda, xoias, zapatos, libros, pesca, mesmo leite ecolóxico producido en Ortigueira… en definitiva, unha pequena mostra do comercio minorista local secundou esta proposta comercial que permitirá aos once establecementos participantes promoverse, dar a coñecer as súas ofertas e liquidar os seus stocks, e aos consumidores adquirir produtos de calidade a prezos do máis competitivos, adaptados a todos os petos.
Rafael Girón mostrouse confiado no éxito desta iniciativa que, en vista dos bos resultados obtidos o pasado ano, se volveu facer coincidir coa Carreira Popular e o resto de competicións da I Festa popular do deporte, propostas cun notable poder de convocatoria. Deste modo “ademais de facer máis visibles os establecementos locais aos veciños, o outlet servirá tamén para que os coñezan os que veñen de fóra, permitíndolles captar novos clientes,” remarcou o alcalde.
Finalmente, animou a todos os veciños da bisbarra a achegarse a Ortigueira, darse unha volta pola feira outlet e comprar, aproveitando as oportunidades únicas que ofrece. A cita, que mellorou a súa participación ata se aproximar á rexistrada na súa primeira edición, organizada directamente pola casa do concello, prolongarase durante todo o fin de semana, con horario continuado de 10 a 22 horas.











