O alcalde de Ferrol clausura o programa integrado para o emprego “Inserta 2”

Entrega de diplomas
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu hoxe o acto de clausura do programa de emprego “Inserta 2”, posto en marcha no pasado mes de novembro pola Concellería de Emprego da Administración municipal e coa colaboración da Xunta de Galicia. Ademais do primeiro edil da cidade, a directora xeral de Emprego e Formación da Xunta de Galicia, Ana Díaz, e os edís de Emprego e Economía –Martina Aneiros e Alejandro Langtry, respectivamente- participaron no acto de entrega de diplomas ós participantes nesta iniciativa, que tivo lugar no auditorio do Centro Torrente Ballester.
Na súa intervención, Rey Varela felicitou aos 80 participantes neste “Inserta 2” por “ter aproveitado estes meses de duro traballo e esforzo para completar a súa formación e, así, mellorar a súa capacitación para entrar ou regresar ao mercado laboral”. Ao fío disto, apuntou que deben “de entender este tempo de formación como un investimento que tendes feito para aumentar as posibilidades de conseguir un emprego”. “Non son tempos doados. Pero tampouco son tempos para resignarse, senón máis ben todo o contrario. En momentos difíciles como as actuais compre redobrar os esforzos e endexamais renunciar ou tirar a toalla”, engadiu o rexedor.
O alcalde ferrolán lembrou que este tipo de iniciativas teñen como obxectivo irrenunciable conseguir a incorporación ao mercado de traballo dos participantes. Neste sentido dixo que o balance do Inserta e “é óptimo”, xa que o 32% dos beneficiarios desta acción formativa estiveron traballando entre os meses de novembro e xullo. Pero recoñeceu que non se pode estar satisfeito plenamente porque o “desexo sería conseguir a inserción laboral do cento por cento do alumnado”. Ademais, Rey Varela quixo agradecer a implicación das empresas da zona neste programa –un total de 25- o que permitiu ao alumnado completar a súa formación teórica con prácticas en centros de traballo. Así, os sectores nos que o alumnado realizou esas prácticas van dende xardinería, panadería – cafetería, suministros industriais, bricolaxe, servizos sociais, automoción, peixería, alimentación, comercio, textil, electrodomésticos e xestión de grandes superficies.
Políticas activas de emprego
Por último, o primeiro edil subliñou o compromiso do Concello de Ferrol e da Xunta de Galicia coa formación e as políticas activas de emprego. Así, recordou que este mesmo mes clausurábase o obradoiro de emprego Ferrol Verde, que permitiu a 30 persoas desempregadas aprender un oficio e ao mesmo tempo traballar na recuperación de zonas degradas da cidade, sendo o resultado deste obradoiro a inauguración da praza verde Jorge Borrow en San Xoán-Bertón. Nesta liña, tamén sinalou que esta mesma semana a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciaba en Ferrol que a cidade contará cunha segunda edición do obradoiro “Ferrol Verde”, que suporá a recuperación para o uso cidadán como espazo verde dunha parcela de máis de 25.000 metros cadrados no Montón (Caranza).











