O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, asegurou que non haberá minicentral en Cecebre
O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, asegura que non haberá minicentral en Cecebre tras recibir información de Augas de Galicia esta mesma mañá. O alcalde xa anunciara onte martes que se opoñería a calquera proxecto que prexudicase os intereses dos veciños de Cambre e do Medio, e o encoro de Cecebre é un dos bens naturais máis importantes deste concello e da área metropolitana.
Segundo fontes da administración da que dependen os encoros galegos, o proxecto da minicentral hidroeléctrica suprimiuse e non consta neste ente que se leve a cabo unha obra destas características en territorio cambrés. O alcalde recibiu esta información esta mesma mañá e mostrou a súa satisfacción polo feito de que non se leve a cabo unha obra que podería afectar de forma puntual ao río Mero, principal recurso natural dos cambreses.
Comunicáronme os responsables de Augas de Galicia que o proxecto está suprimido e que non se fará esta minicentral hidroeléctrica na presa de Cecebre. Estou convencido de que a Xunta é consciente da importancia de preservar o medio e de non afectar con este tipo de obras os recursos naturais dos municipios”, apuntou Rivas.
Por outro lado, tamén lle comunicaron que un dos proxectos que si se van levar a cabo e que forma parte xa dunha vella reivindicación dende o punto de vista ecolóxico é a escala íctica, a colocación dun remonte para peixes na presa de Cecebre. O obxectivo é recuperar a conectividade fluvial que permita a recolonización do río ou como denominan os expertos “a ictiofauna migratoria”, lograr o paso de especies ao longo do río e que cheguen ata o encoro dunha forma natural. “Creo que son dúas boas noticias para Cambre, o remonte para as especies do río Mero é xa unha vella reivindicación que xa tratou a corporación en pleno e estou seguro que será unha realidade pronto”, destacou Rivas.











