O AC Kaló acada o bronce no Campionato de España xuvenil feminino de balonmán praia

Un instante do encontro
O representante da Federación Galega de Balonmán, o AC KALÓ, acadou a medalla de bronce no Campionato de España Xuvenil Feminino de Balonmán Praia que se celebrou esta fin de semana en Lloret de Mar. As galegas lograron a medalla tras gañar na final de consolación ao Cubas Llopis DH BM Playa Sevilla. A xornada comezou ás 10:30 horas na loita por meterse na final contra o Arhs Cadet Femení. A pesar de que as viguesas fixeron un gran partido, finalmente a vitoria caeu do lado das locais. A primeira parte foi moi igualada e ningún dos dous equipos logrou distanciarse no marcador, pero finalmente o triunfo foi para as catalás (20-19).
No segundo set, as galegas volveron a plantar cara, pero finalmente as locais lograron uns puntos decisivos en dúas accións reclamadas polas galegas (16-10). Con esta derrota, o obxectivo era loita polo bronce contra o conxunto sevillano. Na loita polo bronce as galegas fixeron un partido espectacular fronte ao Cubas Llopis DH BM Playa Sevilla, que lles permitiu lograla vitoria sen a necesidade de acudir aos shoot-out. As viguesas gañaron o primeiro período por 24-23 con gol de Eva sobre a bucina, mentres que o segundo caeu ao seu favor por 22-20- Hai que recordar que as sevillanas eran un dos equipos favoritos para facerse co título, pero as galegas nun torneo no que foron crecendo de forma incrible, lograron superalas facendo un xogo espectacular.
Ao remate do partido, houbo felicitacións para as galegas por partes dos seleccionadores nacionais presentes no campionato. Proba do magnífico papel realizado polas galegas foi o feito de que houbo dúas galegas entre as catro mellores do campionato: Antía Espiñeira foi elixida como mellor ala esquerda do torneo e Sandra Martínez, a mellor pivote. Fase previa. O equipo galego AC KALÓ logrou o sábado a clasificación para as semifinais do Campionato de España Xuvenil Feminino de Balonmán Praia. Na fase previa as galegas acadaron un triunfo e perderon tres partidos, pero en todos eles deron a cara. A competición comezou contra o Cubas Llopis DH BM Playa Sevilla, que parte coma un dos favoritos para loitar polo título. A AC KALÓ caeu con claridade na primeira parte, pero axustaron moi ben a defensa e lograron vencer na segunda metade cunha acción de Antía case sobre a bucina (17-18).
Pero nos penaltis gañaron as andaluzas (7-4). O segundo partido contra The Corbi Team, que viña de gañar ás sevillanas, foi emocionantísimo. As viguesas gañaron claramente o primeiro período, perderon o segundo por dous tantos e no shoot-out quedaron empatadas. Así, o partido foi a morte súbita, na que gañou o Corbi Team. No terceiro partido contra Movit HP Granollers as galegas lograron o pase para as semifinais ao conseguir o triunfo. o AC KALÓ gañou con facilidade o primeiro set (17-13) e houbo minutos para todas as xogadoras. No segundo, o Granollers axustou as defensas e puxo en apuros ás galegas que perderon (15-16). Ao final, nos penaltis, vitoria galega (4-2). No último choque, o conxunto galego deu a talla nos dos períodos facendo un partido bastante completo fronte ao Arhs Cadet Femení. Perderon o primeiro período de forma axustada, pero no segundo todo se decidiu no último ataque. As galegas perderon o balón e caeron no contragolpe (17-18).











