Novo programa de conciliación para a primeira semana de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

A actividade comezará o luns 2 de setembro e prolongarase até o venres 6, xa que a mediados da semana seguinte xa comezará a escola. Está dirixida a nenas e nenos cunha idade comprendida entre 3 e 12 anos. Terán preferencia as familias empadroadas no Concello de San Sadurniño ou aquelas que, aínda estando empadroadas noutro concello, poidan acreditar mediante certificado de empresa unha vinculación laboral co noso municipio. Os prezos son de 20 euros polo primeiro membro da unidade familiar, 13 polo segundo e 6 euros polo terceiro e sucesivos.

Para “Setembro Concilia” ofrécense entre 10 e 12 prazas en función das idades recollidas nas inscricións e a actividade levarase a cabo sempre e cando se cubra a totalidade do cupo ofertado. O horario da vai das 9.30 ás 14.00 horas. Tempo no que os cativos e cativas xogarán e aprenderán dun xeito diferente: o luns farán construcións con material de reciclaxe, o martes terán xogos deportivos e piscina, o mércores un obradoiro de globoflexia e outro de novas tecnoloxías, o xoves achegaranse ao pazo da marquesa e ao arboredo autóctono e, por último, o venres terán un obradoiro de cociña e outro de manualidades. Ademais, os cinco días rematarán a mañá na biblioteca con xogos arredor da lectura.

“Setembro Concilia” desenvolverase principalmente nas instalacións da casa da Cultura e nelas participarán a axente de igualdade, a educadora familiar, a bibliotecaria, a técnica de deportes, a da rede CeMIT, o técnico de desenvolvemento local, a arquitecta e a orientadora laboral.

As familias responsables dos nenos e nenas participantes na actividade deberán cubrir a ficha de inscrición na actividade e xuntar á solicitude a autorización asinada conforme o modelo achegado polo Concello e certa información solicitada sobre a saúde do neno ou nena. O prazo de inscrición remata o 27 de agosto e cómpre sinalar que as familias non deberán pagar no momento da inscrición, senón que deberán agardar a que se lles confirmen as prazas.

12 de agosto de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.