Novo parque biosaudable con zona axardinada no barrio de Santa Mariña

Borja Carro e Verónica Casal visitaron o parque
A rede de parques biosaudables do Concello de Ferrol conta dende hoxe cunha nova instalación situada en Santa Mariña. O concelleiro de Servizos e Medio Ambiente e a edil de barrio, Borja Carro Muñoz e Verónica Casal Míguez, respectivamente, visitaron esta mañá o equipamento, que se localiza na rúa Vilarrube –nunha parcela municipal emprazada nas proximidades da Casa Cuartel da Garda Civil-. No acto tamén participou o presidente da Asociación de Veciños de Santa Mariña, Jose María Fontao.
Carro Muñoz e Casal Míguez subliñaron que a montaxe e posta en servizo deste parque biosaudable responde a unha demanda da entidade veciñal que se remonta ao mandato pasado e que esta reiterou ao actual alcalde durante a visita a Santa Mariña con motivo do Plan de Barrios. Así, coa apertura destas instalacións cúmprese con esta antiga reivindicación veciñal. O novo parque está formado por seis elementos para a práctica de exercicio e unha zona axardinada con bancos e papeleiras. Tamén conta cos preceptivos carteis de prohibición de cans na zona. Os edís de Servizos e de barrio apuntaron á idoneidade da localización da instalación, posto que está ao carón dun parque infantil; e ademais trátase dunha parcela pechada por un pequeno muro e enreixado, polo que se garante a seguridade dos usuarios do parque. “O desexo do Goberno Municipal é que o parque poida ser disfrutado polo maior número de veciños e que este lugar sexa un novo punto de encontro en Santa Mariña”.
O investimento da Administración municipal na montaxe dos elementos do parque e na adecuación da parcela ascende a aproximadamente 2.000 euros.
· A instalación e montaxe deste equipamento responde a un compromiso asumido polo alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, cos veciños de Santa Mariña ao abeiro do Plan de Barrios.
· O parque biosaudable está formado por seis aparatos para a práctica de exercicio moderado, conta con zona axardinada e está pechado cun pequeno muro e enreixado o que garante a seguridade dos usuarios.











