Mos conta con tres desfibriladores concedidos pola Deputación para as súas principais instalacións deportivas

Acto de entrega dos desfribiladores
A Deputación de Pontevedra subvencionou o 50% do custe total de tres desfibriladores para o Concello de Mos, asumindo a outra metade do precio a propia entidade local. A Deputación acolleu o acto de entrega do material médico, ó que acudiron a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, Isidoro Táboas, os presidentes dos dous clubes deportivos que se verán beneficiados pola instalación dun desfibrilador nas súas dependencias e que foron Pablo Serodio pola Unión Deportiva Mos e Patricio Farrapeira polo Club Louro-Tameiga; ademais de dous técnicos de cada un destes clubes que recibiron o pertinente curso de formación para poder facer uso do desfibrilador, e outros tres técnicos municipais máis, formados durante dito curso. Durante este curso formouse técnicamente ás persoas que farán uso de cada desfibrilador en caso de ser necesario, para que estas se instruíran no procedemento de uso correcto do mesmo.
No caso do Concello de Mos, segundo informou o edil de Deportes, Isidoro Táboas, solicitáronse tres desfibriladores, dos cales foron concedidos por parte da Deputación o total de tres solicitados. O modelo de desfibrilador que foi concedido e está a ser instalado é, tal e como informou Táboas, o establecido polo Real Decreto 99/2005-21 de abril que regula o uso de desfibriladores semiautomáticos externos por persoal non sanitario.
Ademais de un desfibrilador nas instalacións do Campo de Fútbol das Baloutas e outro no Campo de Fútbol de Cototorrón, o terceiro desfibrilador subvencionado pola Deputación de Pontevedra está a ser instalado no Pavillón Óscar Pereiro.
O motivo de que as instalacións do Pavillón Óscar Pereiro, o Campo de Fútbol de Cototorrón e o das Baloutas sexan os que acollen cada un dos tres desfibriladores que a Deputación lle concedeu a Mos, é que se tratan das infraestruturas deportivas municipais máis concorridas e con maior afluencia de usuarios. E é que nunha semana un total de 1.300 usuarios pasan polas instalacións do Pavillón Óscar Pereiro, e tan só entre as categorías infantís do Club Louro Tameiga e a Unión Deportiva Mos suman 400 nenos que xogan o fútbol en ambos campos.











