Modificación da ordenanza de axuda no fogar
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, abordou hoxe na comisión informativa da área a proposta de modificación da Ordenanza Municipal do Servizo de Axuda no Fogar, así como as alegacións realizadas polos grupos municipais. A modificación desta normativa, que foi ditaminada de xeito favorable cos votos a favor de PP e IF, os votos en contra de PSOE e a reserva para o pleno do BNG, deberá ir agora ao pleno ordinario de fin de mes para a súa aprobación definitiva.
Así as cousas, a responsable das políticas sociais da Administración ferrolá explicaba hoxe que a modificación do regulamento deste servizo comprende numerosas melloras, entre as que se atopan o suposto de empate na puntuación. Así, a nova ordenanza contempla que neste caso se terán en conta os seguintes criterios e co seguinte orde: dependencia valorada sen praza en axuda no fogar e puntuación de ATP, inexistencia de rede familiar e social, e maior de idade. Así mesmo, outro dos puntos modificados na normativa para a mellora do servizo é a inclusión do concepto “informe social”, que recalca a importancia do documento técnico realizado polo traballador/a ou asistente social.
A edil de Benestar explicou tamén que a modificación da ordenanza municipal do Servizo de Axuda no Fogar vén obrigada pola normativa autonómica, na que se inclúen os baremos para a concesión da prestación en función da capacidade económica do solicitante e do nivel e grao de dependencia. “Isto unifica os criterios en toda Galicia en beneficio dos usuarios” engadiu. Ao fío disto, Martínez Beceiro salientou que “gracias a esta medida se introducen novos teitos económicos nos baremos das concesións o que permite que paguen menos por este servizos aqueles demandantes que teñen menos ingresos económicos”. Así, por exemplo, o solicitante do servizo que ingresa 600 euros mensuais pasará a pagar 86,82 euros por 70 horas de axuda no fogar, mentres que o que ingresa 1.554 aboará 224,86 euros.
Libre concorrencia
Outros dos puntos da ordenanza tratados esta mañá na comisión foi a regulación da libre concorrencia municipal -aqueles demandantes do Servizo de Axuda a Domicilio pero que non teñen recoñecida a dependencia-. A Administración Local, a través dos traballadores/as sociais, determinan que o demandante cumpre cos requisitos para ser beneficiario desta axuda, así como o número de horas. No caso das axudas a domicilio de libre concorrencia, os baremos económicos xa foron reducidos con respecto á proposta inicial, coa finalidade de que o beneficiario aporte unha contía menor para sufragar os custes do servizo.











