Melocos, Juan Magán, Fangoria, Francisco, Marta Sánchez estarán nas festas de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

A plantilla do Racing de Ferrol será a pregoeira da Semana Grande do verán.

Todos os concertos serán gratuítos agás o festival de música electrolatina.

A zona portuaria, o Sánchez Aguilera, Amboage e Esteiro acollerán o groso dos eventos.

Cartel das festas de Ferrol

Cartel das festas de Ferrol

Juan Magán, Melocos, Fangoria, Marta Sánchez, ou a Orquestra Panorama son algunhas das actuacións que acollerá Ferrol, entre o 23 e o 31 de agosto, durante as Festas de Verán. Esta semana grande de festexos que presentou oficialmente esta mañá a concelleira de Festas, Susana Martínez Galdós, acompañada por comerciantes e hostaleiros da cidade, tamén incluirá diversas actividades para todos os públicos como o Certame de Rondallas, o musical Aladino, a segunda edición da Feira da Empanada, a actuación do cantante lírico Francisco, o gran Concerto dos Oitenta, a Feira Gastronómica “Mirando ao Mar”, a Festa Infantil Anual Panorama, a Festa 40 Pantín Classic ou o “Electrolatino Official Fest”, entre outras. A plantilla do Racing de Ferrol será a encargada do pregón que abrirá, o venres día 23, a Semana Grande do verán.

A edil de Festas sinalou que “dende o Goberno Municipal somos conscientes  da importancia das Festas de Verán, non só polo contido lúdico senón tamén porque estes festexos lograron que a campaña estival do comercio e da hostalería fosen beneficiadas, tal e como se demostrou o pasado ano”. O programa de festas do ano 2012 reuniu en Ferrol a máis de 50.000 persoas nos concertos ofertados e máis de 90.000 visitaron a cidade, o que permitiu recuperar con creces a inversión realizada, xa que o gasto dos visitantes está estimado en 600.000 euros.

A edil Susana Martínez quixo agradecer a colaboración da Asociación de Comerciantes do Centro, Asociación de Hostalería de Ferrol e comarca, a Asociación de Comerciantes Novo Ferrol, a Asociación de Jóvenes Empresarios e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Hostaleiros de Catabois, a Asociación de Veciños de Esteiro e a Asociación de Hostaleiros e Comerciantes de Esteiro. Así mesmo, agradeceu a cooperación da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao e o Ministerio de Defensa para lograr a planificación das festas. A titular de Festas destacou a gran calidade da programación, que conta cun orzamento de 210.000 euros “o máis baixo dos últimos 10 anos”.

Eventos gratuítos e situación

Tódalas actuacións ofertados para a Semana Grande das Festas de Ferrol serán gratuítos, menos o “Electrolatino Official Fest” que se celebrará o sábado 24 e contará cun aforo limitado de 6.000 persoas, por motivos de seguridade. As entradas para este festival musical poderán ser adquiridas nas páxinas webs www.servinova.com e www.ticketmaster.es ou na tenda Zapas, situada na rúa Coruña.

No que atinxe aos lugares escollidos para a celebración dos concertos, a concelleira de Festas explicou que intentouse satisfacer ao sector hostaleiro e comerciante da cidade, e ao mesmo tempo que o desenvolvemento dos festexos non afecte ás importantes obras de transformación urbana iniciadas – Praza de España e Raíña Sofía-. Trátase de causar as menores molestias posibles no día a día da cidade. Neste sentido, sinalou que escolleu situacións próximas ao centro da cidade para favorecer a animación das rúas.

 

13 de agosto de 2013 | 20:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.