Maxia, xadrez e consumo responsable, tres actividades para os cativos na semana cultural de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

A Semana Cultural de Oroso, que arrincou o mércores cunha excursión ao Aquapark de Cerceda, ofrecerá o xoves tres actividades totalmente gratuítas e dirixidas aos máis pequenos: un obradoiro de consumo responsable, un espectáculo de maxia e unha exhibición de xadrez. Un programa de actividades organizado polo Concello de Oroso, coa colaboración de La Caixa, da Deputación da Coruña e do Instituto Galego de Consumo.

A xornada comezará ás 11:30 na praza Isaac Díaz Pardo co obradoiro “Criterios para a escolla de xoguetes”, unha iniciativa do Instituto Galego de Consumo dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 9 anos. Esta actividade, incluída no programa “Lecer Consumo 2013”, pretende dar a coñecer aos pequenos alternativas de ocio que respondan aos intereses reais dos cativos e non aos intereses comerciais de terceiros. Para iso, os monitores serviranse dun conto e de diversos xogos populares.

Xa pola tarde, a praza Isaac Díaz Pardo acollerá unha exhibición do club Xadrez Oroso, aberta tanto a rapaces como a adultos. Todos os que se acheguen pola praza do Concello ata as 19:30 horas poderán informarse sobre as distintas actividades do club Xadrez Oroso, xogar unhas partidas e asistir á unha exhibición de Martín Pena, que xogará oito partidas simultáneas nos oito taboleiros dispoñibles na praza.

Unha vez rematada a exhibición, ás 19:30 horas o espectáculo trasladarase ata o exterior da piscina municipal, onde o Mago Dani presentará o seu espectáculo “Don Gelati”. Dani García presentará un espectáculo de 50 minutos de duración, no que combina maxia e teatro xestual, e que conta as aventuras dun vendedor de xeados que comeza a sufrir todo tipo de infortunios co seu carriño. Uns problemas que terá que resolver con enxeño, coa colaboración dos pequenos e con algo de maxia, antes de que os xeados se derretan.

21 de agosto de 2013 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.