Maxia para toda a familia no ForuMáxico
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá as novas iniciativas de ocio que se celebrarán no mes de setembro no Fórum Metropolitano. A concelleira destacou que ForuMáxico permitirá a toda a familia gozar de tres espectáculos cheos de humor, teatralidade e, sobre todo, de maxia, con Dani García, Mago Vituco e Javier Muro sobre o escenario.
Ana Fernández, acompañada pola directora do Fórum Metropolitano, Begoña Llamosas, asegurou que esta nova edición de ForuMáxico recolle as liñas mestras das propostas culturais que desenvolve o actual equipo de goberno, onde se presta unha especial relevancia a que as actividades se dirixan a un público infantil e, polo tanto, das que poidan gozar en familia. Por este motivo, ForuMáxico contará con tres espectáculos dirixidos a un público a partir de 3 anos que se celebrarán en setembro -unha vez iniciado o curso escolar- durante tres sábados -os días 14, 21 e 28- ás 19.00 horas.
O ciclo ForuMáxico asentouse como un dos eventos culturais de referencia no mundo da maxia, pois permitiu traer á cidade os mellores magos galegos do momento, como Mago Teto ou Martín Camiña. Nesta nova edición, será a oportunidade de gozar de Dani García, Mago Vituco e Javier Muro. “ForuMáxico é un ciclo dirixido tanto a nenos como aos non tan nenos, no que o eixe central é a maxia. O obxectivo é que todos gocemos de comedia, de drama, de teatro… pero sempre coa maxia como protagonista”, sinalou a concelleira de Cultura.
Todos os espectáculos comezarán ás 19.00 horas e cunha duración aproximada dunha hora. As entradas para o ciclo ForuMáxico, incluído dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, custan 5 euros por actuación, aínda que existe o aboamento 3 familiar por 12 euros. As entradas pódense adquirir a través das canles habituais:
– Despacho da praza de Ourense (pago en efectivo): de luns a venres, de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas.
– Fórum Metropolitano (pago en efectivo): o mesmo día da función, unha hora antes.
– Televenda: 902 504 500 – www.servinova.com.
DANI GARCÍA
Co espectáculo Acción, de Dani García, comezará o 14 de setembro o ciclo ForuMáxico. A orixinalidade, a comedia e o drama xúntanse coa maxia neste espectáculo para que o público pase un momento dos que non se esquecen. Efectos de maxia coa mente, con alimentos e mesmo co propio corpo do mago, sacará ao espectador un sorriso e demostraralle que todo é posible.
MAGO VITUCO
O 21 de setembro, Mago Vituco presenta, no Fórum Metropolitano, o seu espectáculo “El documental mágico”. Nun estudo de televisión moi peculiar grávase un documental. O mundo da maxia é a temática, pero neste estudo non funcionará todo como era de esperar. Mentres, unha maga ilustrará con fantásticos trucos as explicacións da presentadora, ambas as dúas axudadas por un estraño home de negro cuxo rostro se cobre cunha misteriosa máscara. Con moita maxia e comedia da man do teatro, este espectáculo levará o público a coñecer parcelas descoñecidas da historia da maxia. Un espectáculo de maxia diferente e, ao mesmo tempo, un espectáculo de teatro moi máxico, didáctico e divertido.
JAVIER MURO
ForuMáxico clausurarase o 28 de setembro con Javier Muro e Alucina, un espectáculo interactivo público-mago, onde os nenos sairán a colaborar e participar da maxia, creando un divertido ambiente. Aparicións imprevisibles, cordas cortadas e restauradas, panos que cambian de cor… todos os nenos que participan no espectáculo converteranse en protagonistas.











