publicidade hoxe

Marisol Mendive pecha o ciclo de órgano e música antiga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalXunqueira de Ambía
A-
A+

O concerto da organista Marisol Mendive co que se pecha o XXIV ciclo de Órgano e Música Antiga organizado polo Concello de Xunqueira de Ambía e que conta co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Desta forma a Xunta de Galicia contribúe a impulsar o esforzo deste Concello ourensán en poñer en valor un entorno de tanto valor patrimonial como é a Colexiata de Santa María a Real e, en especial, o seu órgano, un dos mellores órganos históricos conservados en Galicia. Non en balde organizan cada ano este ciclo co fin de devolver as rúas de Xunqueira de Ambía os sons do seu órgano centenario.

Durante o concerto Marisol Mendive interpretará pezas dos séculos XVII e XVIII, de compositores como Antonio Francisco Javier José Soler y Ramos, Francisco Diego da Conceiçao, Girolamo Frescobaldi, ou Jan Pieterszoon Sweelinck, entre outros. O programa soará nun escenario de gran valor patrimonial como é a románica Santa María a Real, que tamén acollerá  – da man de Marisol Mendive e Andrés Díaz – o próximo 22 de setembro unha das citas do ciclo ‘Espazos Sonoros’, que percorrerá diferentes espazos arquitectónicos galegos desde o 8 de setembro ao 27 de outubro.

O órgano de Xunqueira de Ambía

O órgano de Santa María a Real data do século XVII, e foi construído polo organista compostelán Manuel González Maldonado, mentres que a caixa barroca do mesmo é obra do escultor Xoán de San Martín de Celanova. Dividido en órgano maior e órgano de ecos, con dous teclados de 45 notas, é un magnífico exemplar da época dourada do órgano ibérico, cunha potente lengüetería.

O XXIV ciclo de Órgano e Música Antiga contribúe á posta en valor deste órgano, unha das pezas máis senlleiras do patrimonio musical galego, que é ademais un dos poucos instrumentos de Galicia que mantén na súa práctica totalidade todos os seus elementos orixinais.

Ademais do concerto de peche de Marisol Mendive, participaron neste ciclo, os días 11 e 18 de agosto, o organista Paulo Alvim e mais os tenores Adriano Brito e Sérgio Pedro, e o organista Pablo Márquez.

27 de agosto de 2013 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.