Mañá inaugurarase a VIII Feira do Viño de Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

A praza da Mercé de Verín acollerá mañá, ás 20.30 horas, a inauguración da VIII Feira do Viño de Monterrei na que estará presente a cultura, a gastronomía e a política galega, e onde a lectura do pregón correrá a cargo do xornalista galego Bieito Rubido, director do xornal ABC.

Tras a inauguración oficial do recinto feiral, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei trasladarase ao Parador de Verín onde, a partir das 21.30 horas, terá lugar o acto de constitución da Confradía dos Viños de Monterrei. Distinguidas autoridades, personalidades e produtores do sector do viño participarán neste evento, presentado polo xornalista Vidal López. Concederanse dezaoito mencións, unha por ano de vida da Denominación de Orixe, coa imposición de medallas de recoñecemento interno ao sector, cinco medallas de honra e o nomeamento do Confrade Maior dos Viños de Monterrei. A música e a danza galega estarán tamén representadas nesta cita que combina a modernidade propia dunha Denominación de Orixe aínda nova coa tradición vitivinícola da comarca.

O Consello Regulador da D.O. Monterrei conxuntamente co Concello de Verín, son os organizadores da VIII Feira do Viño de Monterrei, que se celebrará durante os días 9, 10 e 11 de agosto na praza da Mercé en Verín, contando coa colaboración de Puertas de Galicia, Eurocidade Chaves-Verín e o Concello de Vilardevós.

Ao igual que en edicións anteriores os visitantes á Feira poderán degustar os viños das doce adegas participantes (Ladairo, Gargalo, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Mara Martín, Triay, Boo Rivero, Vía Arxéntea, Chicheno, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú), establecendo novamente o Consello Regulador uns prezos moi populares. Completarán a oferta para esta fin de semana actividades paralelas como os concertos ‘Xira na Memoria’ de A Roda (tamén mañá venres, a partir das 24 horas, na praza Maior) , Los Rebeldes e Los Limones (sábado 10, ás 24 horas, na praza Maior), XXX Xornadas de Folclore (domingo 11, ás 24 horas, na praza Maior), e as actuacións musicais das asociacións de mulleres rurais e do grupo musical Candaira (domingo 11, ás 20.30 horas, na praza da Mercé).

No referente á gastronomía, nove restaurantes da comarca de Verín ofertarán aos veciños e visitantes menús especiais con prezos que oscilan entre os 16 e os 22 euros (Lugano, San Roque, O Candil, Casa Rural A Cortiña, O Augueiro, O Castelo, Brasil, Casa Manola e Parador de Verín),  e desde o Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia promoverán paquetes turísticos para este fin de semana -inclúen aloxamento e diferentes propostas de ocio e culturais na zona-.

8 de agosto de 2013 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.