Máis de 750 participantes no Campamento Urbano de Amencer do Concello de Ourense
A concelleira de Xuventude María Devesa, acompañada de Iago Lage Novoa, director do Campamento Urbano 2013, Laura Valcarcel Márquez, coordinadora da Asociación xuvenil Amencer e Xulio Cesar Iglesias Blanco, Director do Centro xuvenil Amencer, fixeron balance da participación e grao de satisfacción da 26ª edición do Campamento Urbano Amencer.
Dunha banda a concelleira fixo referencia á valoración dos propios participantes e das súas familias. Dos nenos e nenas que participaron no Campamento Urbano Infantil:
– O 94% valoran cun sobresaliente aos animadores e animadores.
– O 91% valora cun 9 (sobresaliente) ao campamento en xeral.
– E o 85% valora tamén cun sobresaliente aos compañeiros e compañeiras.
Os días mellor valorados foron: en 1º lugar, a festa de clausura do Campamento ou Festa de Despedida (na que houbo, discoteca, fútbol co CD Ourense, baño de escuma, xantar e velada), en 2º lugar, o día da Auga en Monterrei (con xincana, golf, karts e olimpiadas) e en 3º, o días dos Parques.
Entre as actividades que se desevolven polas tardes as máis valoradas foron 1º, o baño en Oira por grupos de idades, 2º, os deportes e 3º, a Sala de xogos ou Sala Aberta.
As enquisas non soamente se realizan entre os nenos e nenas que participan, senón tamén entre as súas familias para ter unha completa avalición do programa e mellorar a oferta en posteriores edicións.
Os resultados avalan a boa marcha do campamento xa que o 100%, tódalas nais e pais consultados respostaron que os rapaces e rapazas estaban ben atendidos, que as actividades foron do seu agrado, que estiveron suficiente e precisamente informados e están a agardar a seguinte edición.
Perfil do participante
Con respecto ao perfil do participante, o 98% residen en Ourense e o 40% é a primeira vez que participan nun campamento urbán.
O 58% son nenos e o 42% nenas, e o 18% teñen 13 anos, sendo os menos (o 7% ) os de 9 anos. A metade coñeceu o campamento polos amigos, e o 27% por experiencias doutros anos, sendo o boca a boca o mellor medio para coñecer o campamento, outra indicación do seu éxito, xa que son os mesmos participantes os que recomendan.
Doutra banda, o director e coordinadora do Campamento Urbán fixeron referencia aos datos máis significativos desta edición, que contou con case 1.000 participantes entre nenos e nenas, mozos e mozas e persoal ao seu coidado e ensinanza. Aos participantes, 615 son rapaces entre 9 e 15 anos, 125 son mozos e mozas de máis de 15 anos e 185 animadores voluntarios, unidos aos 66 educadores en actividades puntuais, únese a colaboración de 171 empresas ou entidades que dun xeito ou outro contribúen ao desenvolvemento do campamento urbán.
Os nenos e nenas participaron en 75 horas de actividades no campamento infantil e 18 horas de actividades para os mozos e mozas no Campamento Xuvenil, divididos en 38 grupos seleccionados por idades.
O campamento plantéxase coma unha proposta educativa coas seguintes características: aberto, libre, gratuíto, urbán e continuo. Aberto e libre, onde os rapaces e rapazas son os auténticos protagonistas. Gratuíto, xa que se tenta potenciar aos colectivos con menor capacidade económica e fomentar a integración nun espazo para todos e todas. Urbán, onde os mozos e mozas poden, ao tempo que desfrutan do seu ocio, descubrir a súa propia cidade, o seu propio barrio, aprendendo en Ourense e de Ourense. E continuo, xa que non se limita aos meses de verán, senón que pretende ser un punto de partida para o asociacionismo xuvenil.











