Louzán visita cunhas cen persoas o xacemento do monte do Castro en Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedraProvinciasRibadumia
A-
A+

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, participou hoxe nunha Kedada 2.0 convocada por Turismo Rías Baixas a través das redes sociais e á que se sumaron preto dun cento de persoas. Os participantes tiveron ocasión de gozar dunha visita guiada ó xacemento arqueolóxico do monte do Castro, en Ribadumia, de gran valor patrimonial.

No transcurso da visita o arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez, guiou os asistentes polos recantos deste poboado fortificado da Idade de Ferro.

Explicacións sobre as escavacións, as pezas e estruturas que se van descubrindo e sobre as orixes e a historia deste recinto foron algunhas das cuestións ás que os asistentes puideron dar resposta nesta Kedada 2.0.

100.000 pezas atopadas

O monte do Castro atópase na actualidade na cuarta fase de escavación, cun total de 100.000 pezas arqueolóxicas atopadas e unha superficie aberta xa de 2.100 metros.

Segundo explicou o arqueólogo as previsións son chegar ós 3.000 metros cadrados escavados, para o que está a traballar un equipo de 30 persoas.

Ademais dos labores convencionais de escavación arqueolóxica realízanse traballos de restauración e xestión do todo o material atopado, que é destinado ó Museo de Pontevedra para que se conserven como parte dos seus fondos e para a súa divulgación.

O monte do Castro forma parte do programa de posta en valor do patrimonio galaico-romano, ademais de integrarse nas rutas accesibles que a Deputación promove para facilitar o acceso universal ós recursos turísticos e culturais da provincia.
A visita guiada realizada esta mañá é a segunda que organiza Turismo Rías Baixas, tras o éxito da primeira edición na que se programou un paseo pola cidade de Pontevedra que reuniu a numerosas persoas.

Para o seu desenvolvemento o organismo provincial puxo a disposición dos seguidores das contas de Facebook e Twitter de Turismo Rías Baixas e que se anotaron a este programa un autobús que saíu de Pontevedra e de Vigo de forma completamente gratuíta.

3 de agosto de 2013 | 21:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.