“Los ingleses” optan pola cervexa alamana na II Oktoberfest que se celebra en Vilagarcía
A tradicional conmemoración alamana da Oktoberfest regresa por segundo ano consecutivo a Vilagarcía da man do Club de Rugby Los Ingleses. A carpa que acollerá a festa instalarase na Rúa García de Caamaño (nas inmediacións da ponte de Vista Alegre) mañá mércores, 7 de agosto e ata o domingo, 11. Ademais de cervexas de diferentes tipos, o evento gastronómico completarase con comida típica alamana, como salchichas ou codillo de porco que os asistentes poderán degustar a prezos populares. A celebración contará con amenización musical e do folclore alemán, speaker, concursos, batukadas e premios. A entrada ao recinto é de balde.
Coa Oktoberfest, o club Los Ingleses pretende recadar fondos para o mantemento da súa actividade. Para a súa celebración montarán unha carpa de 700 metros cadrados de superficie baixo a que se instalarán máis de 100 mesas de dous metros de largo e 200 bancos e habilitarase unha zona de “biergarten” onde os asistentes poderán degustar ao aire libre a cervexa e a comida. O interior da carpa estará decorado o máis puro estilo bávaro e as barras disporán de 9 billas que servirán catro variedades da cervexa alamana que tamén se degusta na famosa Oktoberfest de Múnich: Franciskaner, Spaten, Eku e Bavaria sen alcohol (ou o que é o mesmo, de trigo, tostada, rubia e sen alcohol).
O festival ofrecerá ao visitante unha gran variedade de actividades e concursos moi divertidos como o de beber cervexa, o de comer salchichas de medio metro, de canto tirolés, de forza, de arrastrar barrís, elección de miss e mister Oktoberfest…). A oferta gastronómica componse de produtos da rexión bávara como codillos de porco, salchichas de catro tipos, costelas, pola á brasa e ensaladas. Todo isto acompañado do famoso chucrut (unha especie de repolo fermentado), mostaza e o clásico pan alemán pretzel.
Durante os cinco días, o festival contará coa intervención do speaker profesional “Pier” que animará as xornadas con moito humor.
A Oktoberfest inaugúrase mañá mércores ás 20 horas co tradicional berro de “O`zapft is”, que ven a dicir “xa está aberto”. As primeiras xarras de cervexa comezarán a servirse nese intre e ata ás 21 horas haberá unha promoción especial na que, por cada litro de cervexa darase unha salchicha de balde.
O xoves a festa continúa con concursos, olimpíadas cervexeiras e moita música. O venres a partir das 22:30 horas actuará o grupo musical Blue Monk e o sábado contarase co grupo de rumba “Los del barro” en horario de 22:30 a 01:30 horas. O domingo, 11 será o último día da Oktoberfest, unha xornada na que haberá diversas actividades ata a media noite.
Os horarios de apertura da carpa serán o mércores de 20 a 02.30 horas; os restantes días de 13 a 2:30 horas.











