Lete Lasa asegura que o 42º Descenso Internacional do río Miño “volverá ser unha auténtica festa de natureza e de deporte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocalLocal PortadaSalvaterra de MiñoTui
A-
A+
Presentación da proba deportiva

Presentación da proba deportiva

O 42 Descenso do Miño, que se disputará o próximo sábado 10 de agosto, pretende bater os seus rexistros históricos de participación, tanto na modalidade de competición coma na popular. Máis de mil padexeiros daranse cita nunha xornada que mestura o deporte coa cultura e a gastronomía. É o particular selo de identidade da proba nos últimos tres anos.

O sábado, a partir das seis da tarde, os padexeiros sairán de Salvaterra para percorrer os quince quilómetros que lles separa de Tui. É unha tradición. Un comezo espectacular, xa que o inicio da competición o fan todos xuntos e dende ambas as dúas beiras. A chegada será nas inmediacións da ponte internacional de Tui, diante do Centro Interfederado onde ten a súa sede o Kaiak Tudense, o club organizador da proba. O Concello de Tui, a secretaría xeral para ou deporte, a Deputación de Pontevedra e numerosas empresas da vila patrocinan a presente edición.

José Luis García, o presidente da entidade deportiva, resaltou que “o Descenso Internacional do Miño se fai co traballo e o esforzo de todos, dende os deportistas do club, os adestradores, os dirixentes, as institucións públicas e privadas ademais de todos os habitantes de Tui. Converteuse nun referente e tamén nunha gran festa para todos”.

En parecidos termos expresouse Moisés Rodríguez, alcalde de Tui, ao sinalar que “a proba se converteu nun símbolo. Grazas a ela realízanse outro tipo de actividades na que poden participar todos”.

José Ramón Lete Lasa, director xeral de deportes, afirmou que “o río Miño é a esencia do piragüismo e o Kaiak Tudense a referencia desta modalidade a nivel nacional. Iso xa o di todo dunha proba que ten ademais un gran nivel deportivo”.

Nicolás Lorenzo, concelleiro de deportes do Concello de Tui, animou “á participación de todos. Conseguimos facer do Descenso do Miño unha gran festa, tanto deportiva coma social. O dez de agosto Tui volverá ter uns deses días que pasará á historia”.

Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo, resaltou que “o piragüismo en Galicia está a crecer a todos os niveis. Non só en canto ao número de licenzas, senón tamén achegando esta modalidade deportiva aos cidadáns. Por iso, iniciativas como as que se levan a cabo en Tui son moi importantes”.

Ademais da competición, haberá outro descenso de carácter popular entre Caldelas e Tui. Iniciarase ás catro e media da tarde, aínda que dende primeira hora da mañá haberá unha gran romaxe popular. Nesta travesía poden participar persoas de todas as idades. É necesario inscribirse antes para poder tomar parte nesta e ademais ser organiza un labor solidario, xa que os participantes poden doar un quilo de alimentos non perecedoiros para a asociación SOS Baixo Miño.

2 de agosto de 2013 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.