Invístese 15.000 euros na impermeabilización do exterior da escola infantil dos Ánxeles
Os obreiros municipais continúan cos traballos de limpeza e mellora das escolas unitarias do municipio.

Gardería Infantil dos Ánxeles
O Concello de Brión vai investir un total de 14.922 euros na mellora da envolvente exterior da escola infantil municipal, situada na parroquia de Os Ánxeles. Unhas obras financiadas con cargo aos orzamentos municipais e que complementarán os traballos realizados en agosto de 2010, cando se investiron outros 13.817 euros na impermeabilización da cuberta da gardería.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explica que “hai tres anos acabamos coas humidades que apareceran por mor das tres ampliacións que fixemos na gardería municipal e agora imos actuar sobre as paredes de todo o inmoble, impermeabilizándoas e mellorando así a calidade das instalacións”. Uns traballos que comezaron esta mesma semana e que “estarán rematados a tempo para a volta dos pequenos ás clases”, confirma o alcalde brionés.
Escolas unitarias
Así mesmo, os obreiros municipais seguen a traballar na limpeza e reparación das escolas unitarias de Brión. Unha vez rematada a profunda renovación acometida na escola de Bastavales, os traballadores municipais están a proceder estes días ao pintado interior da escola unitaria de Os Ánxeles, así como algún que outro arranxo interior. Durante a próxima semana actuarán na unitaria da Luaña e no colexio de Pedrouzos.











