I Perrathón Solidario en favor da protectora de animais na Semana do Voluntariado de Vilagarcía
Concluído o ciclo de cine “Educando en Valores”, a semana do Voluntariado organizada pola Concellería de Xuventude e Solidariedade chega a súa recta final coa celebración do I Perrathón Solidario que se celebra mañá, venres 29 de agosto. A actividade desenvolverase no Parque do Castriño e consistirá nunha proba de canicross popular coa que a Asociación protectora de Animais pretende recadar fondos para equipar e poñer en marcha do novo refuxio municipal de animais de Pinar do Rei.
O I Perrathón Solidario comezará ás 19:00 horas. Será nese momento cando se dea a saída á carreira na que cada persoa que participe correrá xunto ao seu can. Esta é a primeira vez que se fai un canicrros na comarca do Salnés, unha actividade que xa é moi popular noutras partes da xeografía española e europea. A carreira de Vilagarcía terá unha lonxitude de case un quilómetro ( 980 metros) que descorrerán polo parque do Castriño e Castro Alobre. Trátase dunha proba de cross no que os corredores (persoa e animal) deberán superar os obstáculos naturais que presenta a orografía da zona no percorrido establecido.
Un requisito imprescindible para poder participar no canicross én que o can teña posta a vacina “tetravalente” e conte con microchip. Ámbalas dúas cousas comprobaranse antes dom inicio da proba. En canto ao equipamento, tamén será necesario contar cun arnés específico que consta de tres partes: o arnés para o can, o cinto que se pon o corredor e unha liña de tiro que une a ambos.
O canicross do Perrathón é unha carreira popular na que poderá participar quen o desexe e sempre que cumpra os requisitos mencionados. Poderán participar adultos e nenos xunto coas súas mascotas caninas, xa que haberá un canicross para adultos e outro infantil. A inscrición é de balde e inclúe o seguro de responsabilidade civil.
A organización premiará ao participantes das diferentes categorías que cheguen en primeiro lugar á meta. Os premios consistirán en pienso para o can, alimento doado polos establecementos Piensos Chiky y Nietos.
Ademais de recadar fondos, con esta actividade a Protectora de Animais pretende seguir educando á poboación no amor e respecto aos animais, poñendo as bases para unha convivencia sá e respectuosa eentre as persoas e os animais, especialmente cos cans.
Aproveitando a celebración deste I Perrathón Solidario, a Protectora instalará unha carpa no parque do Castriño na que se distribuirán folletos informativos da asociación co obxectivo de dar a coñecer a súa actividade e os servizos que presta, e tamén se porán á venta camisetas da Protectora e pegatinas do Perrathón Solidario.
A carpa tamén será o punto de contacto para aquelas persoa que, dun xeito u outro, desexen colaborar coa Protectora. Dentro destas liñas de colaboración enmárcase a presenza no I Perrathón Solidario de membros da Peña Barcelonista de Arousa que aproveitará a celebración para facer entrega á Protectora dunha doazón económica para a entidade.
O I Perrathón Solidario non é a única actividade coa que a Asociación Protectora de Animais participa na Semana do Voluntariado xa que tamén estarán presentes o sábado na Gala Solidaria coa que a Concellería de Xuventude cerra o programa destes días. Nesta ocasión, a Protectora organizará un contacontos para todos os públicos que conta unha historia ambientada no mundo animal.











