Homenaxe vigués aos alcaldes, deputados e concelleiros fusilados en 1936

Caballero durante a homenaxe
O Concello de Vigo organizou este martes un acto de homenaxe aos cargos e representantes públicos que foron fusilados polo fascismo no cemiterio de Pereiró o 27 de agosto de 1936.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi o encargado de dar lectura a un discurso de homenaxe aos “represaliados” polo franquismo, homes como o entón alcalde da cidade, Emilio Martínez Garrido, e o rexedor de Lavadores, José Antela Conde, un acto que continuou cunha ofrenda floral.
Emilio Martínez Garrido foi alcalde de Vigo entre decembro de 1932 e marzo de 1934, e nunha segunda etapa a partir de febreiro de 1936. Foi fusilado no cemiterio de Pereiró o 27 de agosto de 1936. José Antela Conde, alcalde de Lavadores desde febreiro do 36, tamén resultou asasinado na mesma noite. O Concello vigués tamén honrou a memoria de Enrique Blein Budiño, primeiro alcalde de Vigo na segunda república, cesou no seu cargo en setembro de 1931. Morreu o 10 de decembro de 1936.
Os deputados Antonio Bilbatúa, Heraclio Botana e Ignacio Seoane recibiron tamén o recoñecemento institucional, ademais de Apolinar Torres (presidente da Casa do Pobo, militante socialista e membro da Unión Xeral de Traballadores), Ubaldo Gil Santóstegui (concelleiro vigués) e Ramón González Brunet (funcionario da Casa do Pobo, militante socialista e da Unión Xeral de Traballadores).











