Gran éxito de participación en Nigrán Área

Actividades en Nigrán Área
A segunda edición de Nigrán Area congregou máis de 3.000 persoas na praia de Panxón, unha cifra que ratifica o éxito dun dos eventos deportivos e de ocio do verán. O recinto reuniu ao longo dos meses de xullo e agosto numerosas competicións deportivas cun gran nivel de participación, entre as que figuran o atletismo, coa III Carreira pola Praia, o tenis, o vóley, o fútbol, o balonmán ou o foot-vóley, todas elas adaptadas á modalidade praia.
O tenis praia tivo en Nigrán a primeira parada do Campionato Galego, dentro dun circuíto de probas en distintos puntos da xeografía autonómica, traendo a Panxón a parellas destacadas que loitaron por lograr a clasificación para o Másters final.
Tamén no vóley praia o areal de Panxón acolleu os mellores deportistas do panorama galego. Ademais, como extra organizáronse no mesmo fin de semana os campionatos galegos nas categorías sub-19 e sub-21 e sénior, ou os torneos Amateur super-80, para todas as idades e o 4 x 4.
O torneo Concello de Nigrán de Fútbol Playa reuniu máis de 300 deportistas nunha das citas máis populares do calendario deportivo estival, que ademais contou coa presenza dos mellores equipos do panorama galego. O gañador, Vaya Falta Mari Carmen, é o vixente campión autonómico e habitual participante na fase final nacional.
Non obstante, un dos grandes momentos do verán para Nigrán Area chegou a finais de xullo, coa chegada do Balonmán Praia e a celebración da última das probas do circuíto galego e a fase final, que coroou os campións galegos desta modalidade deportiva El Bunga, en categoría feminina, e PTV Hanstard, en masculina.
Outro dos pratos fortes de Nigrán Area foron os dous torneos de Foot-Vóley, ambos os dous cun elevado índice de público para gozar de estrelas deste deporte e do deporte rei como Quique, Ramiro Amarelle ou Iomar do Nascimento, Mazinho, un campión do mundo con Brasil e ex céltico.
Ocio para todos
Ás citas deportivas súmanse os talleres e inchables infantís, así como as clases de aerobic matinais, que atraeron centos de persoas de todas as idades como complemento á oferta de ocio habitual nos areais de Nigrán. “En total, estimamos que máis de 3.000 persoas gozaron nesta segunda edición de Nigrán Area, cifra que consolida o éxito deste evento e se perfila como un fixo na programación estival de Nigrán”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde.











