Galicia acada cinco medallas nos xogos mundiais Máster de Torino

Unha das deportistas galegas no podio
Galicia logrou un total de cinco medallas nos Xogos Mundiais Máster, que se están a celebrar en Torino. Na xornada do 9 de agosto, os competidores galegos acadaron catro medallas (dous ouros, unha prata e un bronce), que se suman ao bronce de poomses de Bárbara González.
Trala medalla de bronce do primeiro día en técnica (Bárbara González), chegou o momento do combate. Pola mañá, os rapaces tiveron a súa competición. Suso Couso logrou a medalla de bronce despois de gañar os combates aos representantes de Noruega e Bosnia Herzegovina, para caer nas semifinais contra Italia.
Na categoría feminina houbo máis medallas. Meri Suárez e Bárbara González acadaron o ouro, mentres que Mercé Barrientos logrou a medalla de prata. Meri, en -57 quilogramos, eliminou a unha finlandesa en semifinais e gañou a final contra unha catalá. Pola súa banda, Bárbara gañou a final contra unha competidora italiana. Ademais, Mercé chegou á final tras superar á representante finlandesa e caeu nunha rifada final fronte unha italiana.
A selección galega estaba formada polos deportistas Jesús Couso, Cristóbal Boudjenane, María Pilar Suárez, Salvador Banga, Mercé Barrientos, José Luis Moreira, Miguel Cortegoso e Bárbara Rosina González Sanromán, mentres que como técnico viaxou Teresa Lima. Nesta gran festa do deporte para persoas maiores de trinta anos, con 30 disciplinas, participan un total de 18.000 deportistas.











