Futura ordenanza municipal sobre a protección e tenza de animais perigosos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

> A normativa busca garantir a protección máxima dos animais, a tenza responsable e o fomento da participación cidadá na súa defensa.

> O borrador contempla que se prohiba a entrada de animais nos parques infantís e zonas axardinadas. Así mesmo, non poderán pernoctar en patios, terrazas, galerías, ventás ou balcóns para evitar molestias aos veciños.

> Os donos dos considerados como potencialmente perigosos deberán cumprir diferentes condicións para a súa tenza, entre elas, posuír un certificado de aptitude psicolóxica ou censar ao animal nun rexistro municipal específico.

> Outro dos temas abordados na comisión desta mañá foi a implantación da supermanzana, elaborada pola Agencia de Ecología Urbana de Barcelona. Os grupos municipais disporán de máis dun máis para o seu estudo e a presentación de suxestións.

>>>>>>>>>>

A Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade abordou esta mañá o borrador da futura ordenanza municipal sobre a protección e tenza de animais de compañía e potencialmente perigosos. O concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Borja Carro Muñoz, recolleu as suxestións presentadas polos grupos municipais para incorporar aquelas propostas que enriquezan e complementen o borrador do regulamento e así poida ser aprobado na próxima comisión informativa da área. E, ao fío, o edil explicaba que o bosquexo da ordenanza que hoxe se debateu en comisión tamén será abordado no resto de municipios que forman parte da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

Así as cousas, a normativa comprende como obxectivos alcanzar o máximo nivel de protección e benestar dos animais, garantir unha tenza responsable e a máxima reducción das perdas e os abandonos de animais; ademais de fomentar a participación cidadá na súa defensa e protección e preservar a saúde, a tranquilidade e a seguridade das persoas. Os propietarios dos animais poderán inscribir no censo municipal e notificar as baixas, cesións ou cambio de residencia do animal durante os primeiros tres meses de vida do mesmo. Así mesmo, terán prohibida a entrada en parques de ocio infantil e zonas axardinadas ou pernoctar en patios, terrazas, galerías, ventás e balcóns para evitar molestias aos veciños. Outra das medidas contempladas na ordenanza é a prohibición de alimentar continuadamente aos animais abandonados ou vagabundos en espazos públicos, tendo a obriga de notificar a súa presenza ás autoridades locais para a súa recollida e atención.

No que atinxe aos animais potencialmente perigosos, os donos deberán cumprir unhas condicións específicas para a súa tenza, como ser maiores de idade, posuír un certificado de aptitude psicolóxica, ter un seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros ou que o animal sexa inscrito no prazo de 15 días no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos. Ademais, os animais destas características sempre deberán ir atados con correa e levar posto o bozo.

Supermanzana

Por outra parte, na comisión desta mañá tamén se deu conta do proxecto de implantación da Supermanzana do barrio da Magdalena, elaborado pola Agencia de Ecología Urbana de Barcelona. Os grupos municipais terán máis de un mes para o estudo da proposta e para formular as suxestións que consideren oportunas.

22 de agosto de 2013 | 01:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.