Ferrol renova o convenio con Afal para o desenvolvemento do programa “Terapias en sociedade 2013”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro, vén de formalizar un novo convenio de colaboración cunha entidade de ámbito social, neste caso a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAL Ferrolterra). A achega  da Administración local a este acordo, que ten carácter nominativo e se enmarca no Plan de Oportunidades posto en marcha polo Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela, ascende a 3.000 euros.

Dende o Executivo ferrolán recoñécese “o traballo desenvolvido por AFAL para levar a cabo proxectos na busca dunha solución ao illamento das persoas que sofren Alzheimer e outras demencias”. Así, este acordo de colaboración pon de manifesto a vontade da Concellería de Benestar de apoiar ás accións que contribúen á mellora da convivencia dos colectivos que teñen unha especial vulnerabilidade, de tal xeito que a achega de 3.000 euros do Concello destinarase ao programa “Terapias en sociedade 2013”. A finalidade desta iniciativa é alcanzar unha participación social activa deste colectivo, potenciando os procesos de autonomía, autoestima e o mantemento das súas capacidades físicas e mentais. E, para conseguir este obxectivo, o Goberno Municipal apoia a AFAL en accións formativas e informativas coas familias o voluntariado que permitan o coñecemento da enfermidade, posibiliten o acompañamento nas diversas saídas terapéuticas e favorezan as relacións interpersoais.

6 de agosto de 2013 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.