Ferrol inicia o expediente para a municipalización do Consorcio Pro-Ferias y Exposiciones
O concelleiro de Economía, Facenda e Recursos Humanos, Alejandro Langtry Caínzos, deu conta hoxe aos grupos municipais da proposta de municipalización do Consorcio Pro-Ferias y Exposiciones na comisión informativa da área. Compre lembrar, que o recinto feiral de Punta Arnela acumula perdas económicas dende o 2007, unha situación insostible á que non se lle buscou solución definitiva ata hoxe, cando o Concello decidiu iniciar o dito proceso de municipalización.
Este proposta pretende garantir o futuro do recinto feiral para o seu uso, que non é outro que a dinamización e promoción da actividade económica en Ferrol. Así, se deberán seguir dous pasos: a designación dunha comisión para o estudo da mellor proposta de viabilidade da municipalización desta actividade, tal e como esixe a normativa vixente para estes casos. Unha actividade que, en todo caso, deberá ser declarada de interese xeral. E a concesión por parte da Administración local dun crédito extraordinario de 150.000 euros, que permita aliviar a precaria situación que arrastra FIMO dende 2007. Unha cantidade que se virá a sumar aos 500.000 reservados nos orzamentos deste ano para adquirir a maioría do capital no caso de que saía adiante a dita proposta. Cómpre lembrar que esta sería a terceira achega aprobada pola Administración ferrolá este ano para destinar a este ente, xa que a primeira se corresponde cos 120.000 euros da contía anual.
A proposición de municipalizar o recinto feiral, que contou cos votos a favor de PP e IF e os votos en contra do resto de grupos municipais, irá mañá ao pleno ordinario de fin de mes para a súa primeira aprobación. Así, despois da realización do estudo da proposta de viabilidade, este deberá ir novamente a pleno para a aprobación inicial do expediente de municipalización proposto pola comisión, que estará en exposición pública por un período de quince días. Por último, no caso de que sexan presentadas alegacións e despois da resolución das mesmas, o expediente será aprobado definitivamente nun terceiro pleno.











