Espanyol en cadetes e Deportivo en infantís foron os vencedores no Torneo de Fútbol Base A.F.A.C.

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Deportes ▼
A-
A+
Campións cadetes e infantís

Campións cadetes e infantís

O VIII Torneo de Fútbol Base chegou esta mañá á súa conclusión coa disputa das finais en categoría Cadete e Infantil no campo municipal Rodrigo García Vizoso “Grela 1” que rexistrou unha boa entrada con cincocentas persoas presenciando ambos os dous choques nun mañá anubrada na que a chuvia apareceu de forma intermitente.

O lume abriuno o derby por excelencia entre o RC Deportivo Da coruña e o RC Celta de Vigo en infantís. As expectativas cumpríronse ao pé da letra nun partido disputado e intenso que decantou a favor dos branquiazuis pola mínima (2-1). O partido comezou con igualdade ata que no minuto 20 un derrubamento dentro da área viguesa foi sinalado polo colexiado penalti. O deportivista Roi fallou a pena máxima mandando o balón fóra, rozando o poste dereito. O Deportivo pronto quitou a espiña do penalti fallado e adiantouse no marcador por medio de César tras unha bonita xogada combinativa (1-0), resultado co que se chegou ao descanso. Ao comezo da segunda parte o Celta puxo as táboas no marcador por medio de Álvarez (1-1).

No minuto 55 Juan marcou o tanto ao cabo decisivo nun forte disparo (2-1). Apertou o conxunto celeste nos compases finais, pero os coruñeses mostráronse fortes e non permitiron que lles escapase o trofeo de campión en categoría Infantil.

Ás doce da mañá foi a quenda dos Cadetes, co choque entre o Sporting de Gijón e o RCD Espanyol de Barcelona, un duelo que pouco tivo que envexar á final infantil, pois tivo moita intensidade e emoción, ata o punto de que os cataláns remontaron nos compases finais un 2-1 para levarse a vitoria (2-3) da oitava edición do Torneo de Fútbol Base A.F.A.C. Malia que os sportinguistas foron sempre por diante no marcador, acusaron os últimos dez minutos de partido onde o Espanyol tirou de casta e remontou o duelo de dous lategazos dentro da área.

A entrega de trofeos tivo lugar á conclusión das dúas finais. O Concelleiro de Deportes Francisco Mourelo entregou trofeo ao RCD Espanyol como campión cadete, o presidente de a A.F.A.C. Manuel Vázquez entregou trofeo ao RC Deportivo como campión infantil, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol Juan Carlos Vázquez entregou o trofeo ao Sporting de Gijón como subcampión cadete e o presidente do Comité Galego de Adestradores de Fútbol Luis Arias fixo o propio co RC Celta como subcampión infantil.

 

27 de agosto de 2013 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.