Equipamiento de Oficinas Ferrol S.L. obtén o contrato para equipar o Pazo da Marquesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

A mesa de contratación adxudicoulle provisionalmente á empresa ferrolá Equifer S.L. o contrato de subministración e instalación do equipamento interior do Pazo da Marquesa. A empresa impúxose a Grumar Trading e a El Corte Inglés cunha oferta de 127.117,45€ -10.300 euros por baixo do prezo de licitación- e un prazo de execución de 30 días, a metade do que esixían as bases.

A oferta de Equifer tamén recollía melloras en canto á garantía, xa que a empresa se compromete a mantela durante un periodo de 84 meses, 60 máis dos recollidos nos pregos. No tocante ao prezo, Grumar Trading presentou unha oferta de 137.500 euros -sen baixa de ningún tipo- e El Corte Inglés achegou unha proposta para facerse cos traballos por importe de 133.217,37 euros, case 4.300 por baixo da base de licitación.

Tan pronto como a adxudicación sexa definitiva e se asine o contrato con Equifer S.L., a empresa terá un mes de prazo para levar adiante o equipamento do edificio. O proxecto técnico esixe que se amoblen todas as oficinas, que se instalen mamparas de cristal para separar varios postos de traballo, o despregamento da rede interna de comunicacións, a instalación dun sistema de megafonía e audiovisual no salón de plenos, a sinalización interna do edificio e mesmo o equipamento do arquivo municipal con andeis móbiles.

19 de agosto de 2013 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.