Durante as festas a avenida Rivero de Aguilar permanecerá aberta ao tráfico nos dous sentidos
A avenida Rivero de Aguilar abrirase ao tráfico en ámbolos dous sentidos da circulación durante as festas co obxectivo de facilitar a fluidez do tráfico rodado e para garantir a seguridade das persoas que transitan cara á zona das atraccións das festas. O Concello e a Autoridade Portuaria coordinaron a medida que se porá en marcha por etapas esta mesma tarde. Para facilitar o estacionamento durante as festas, o Concello tamén habilita a partir de mañá a Finca de Louro como aparcamento durante as festas e aconsella aos condutores que recorran ás bolsas disuasorias da periferia.
A apertura dos dous sentidos da circulación na avenida Rivero de Aguilar trátase dunha medida provisional que só estará operativa durante as festas e que, unha vez rematadas estas, revertirase para que a Autoridade Portuaria poida completar as obras do ramal ferroviario a Farrazo.
Medida lñevarase a cabo por fases. A partir de esta mesma tarde se habilitarán os dous sentidos no tramo de Rivero de Aguilar comprendido entre as rotondas do Ramal e do Cavadelo. Tamén hoxe se abrirá a rotonda situada xunto ao depósito de augas do porto, que ata o de agora non estaba operativa.
Do mesmo xeito, esta tarde tamén se efectuará a apertura parcial, para uso peonil, dun tramo ao ancho da beirarrúa de Rivero de Aguilar comprendido entre O Ramal e o Peirao de Pasaxeiros. Esta medida ten como obxectivo facilitar o acceso das persoas ás atraccións situadas na explanada TIR. O ancho total neste tramo da beirarrúa abrirase a partir do luns, quedando só pechado un pequeno tramo da beirarrúa á altura dos Multicines, por mor das obras.
No que se refire ás medidas tendentes a proporcionar aparcamentos, o Concello habilitará a Finca de Louro como bolsa de estacionamento disuasorio durante as festas. Operarios municipais se encargaron durante a xornada de hoxe de acondicionar esta ampla superficie, cortando a herba e instalado iluminación para facilitar o tránsito das persoas cando deixen ou vaian a recoller o coche.
Para non interferir máis na fluidez do tráfico, recoméndase que, na medida do posible, se evite circular polo centro da cidade, especialmente cando coincida a celebración de algún evento festivo e que, todos os que se acheguen en coche á vila dende as parroquias do rural ou outros municipios, opten por aparcar nos estacionamentos disuasorios da periferia, como a Finca de Louro, A nova urbanización situada entre a Avenida de Cambados e as pistas, Desamparados, a estación de Renfe e a rúa Ramón Piñeiro (onde o asilo), así como na Avenida do Porto, a Praza de Abastos e O Ramal.











