Dotación de rede wifi nas prazas e espazos públicos da Magdalena, Ferrol Vello e Canido
O Concello de Ferrol dotará de rede wifi espazos públicos situados nos barrios da Magdalena, Ferrol Vello e Canido. Esta medida, que forma parte do plan de actuacións recollidas no Programa Urban, decidiuse hoxe na reunión da Xunta de Goberno Local en que se aprobou o prego de cláusulas administrativas e prescricións técnicas así como a licitación dos traballos por un orzamento base de 71.690,08 euros (21% de IVE incluído) e un prazo de execución de tres meses, a contar a partir da firma do contrato coa empresa que resulte adxudicataria do proceso de contratación que se inicia agora. O obxectivo desta actuación é que os usuarios das prazas e espazos públicos que se localizan no ámbito Urban –o conxunto histórico formado por A Magdalena e Ferrol e a parte antiga de Canido- dispoñan de conexión wifi.
No ámbito de contratación, a reunión ordinaria do Executivo local tamén deu luz verde a licitación da subministración de vestiario para a Policía Municipal. Trátase de adquirir novos chaquetóns para os axentes por un importe base de 32.000 euros (IVE incluído). Así mesmo, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación definitiva da contratación das Festas de Verán da cidade a Jarabe Comunicación.
Programas de conciliación
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ferrol aprobou as bases reguladoras das axudas á escolarización de nenos e nenas nados no ano 2013. Estas axudas para escolas infantís –sen teito de gasto, o que garante que todas aquelas familias que as soliciten e cumpran os requisitos disporán de axuda- enmárcanse dentro do Plan de Oportunidades posto en marcha polo actual executivo que preside Jose Manuel Rey Varela e teñen por obxecto facilitar e favorecer a conciliación da vida familiar e laboral das familias con nenos/as pequenos.
Nesta mesma liña, a Xunta de Goberno aprobou sacar a licitación o desenvolvemento do programa “Ferrol Concilia” da Concellería de Igualdade, por un orzamento base de 40.000 euros. A iniciativa, que tamén forma parte do Plan de Oportunidades do Concello de Ferrol, consiste no desenvolvemento de diferentes actividades de carácter lúdico e educativo tanto en horario extraescolar como en período de vacacións. Así as cousas, os destinatarios da actuación serán os nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e 0s 12 anos que residan no termo municipal de Ferrol. O programa “Ferrol Concilia” plantéase como complementario á escola e á familia, de tal xeito que os menores guiados por profesionais cualificados continúen co seu crecemento persoal e proceso de socialización.











