Diego Calvo destaca que a promoción que La Vuelta fixo da provincia da Coruña non ten prezo
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, destacou na meta da “Etapa Fin do Mundo” o papel fundamental que A Volta desempeña para a promoción turística dos lugares polos que transcorre.
“A promoción que A Volta fai da provincia da Coruña non ten prezo”, comentou Calvo, que foi o encargado de entregar o premio ao gañador da cuarta etapa con final no Faro de Fisterra, o español Dani Moreno (Katusha).
Neste sentido, Calvo manifestou que por segundo ano consecutivo A Volta permitiu “dar a coñecer todos os tesouros que esconde a provincia e, en particular, A Costa da Morte”, á vez que afirmou sentirse “moi satisfeito” pola acollida que tivo a chegada do pelotón polos veciños da provincia.
Despois de pasar por Teo, Vedra, Santiago, Ames, Negreira, Mazaricos, Carnota, Dumbría, Cee, Corcubión, A Volta acabou nesta localidade da Costa da Morte, onde o presidente da institución provincial felicitou á organización do evento por brindarlle aos amantes do ciclismo un “espectáculo de tanta calidade como o que vivimos esta tarde”.











