Detido o posible autor dunha agresión na rúa Sol da Coruña
Sobre as 02.37 horas desta madrugada unha patrulla da Policía Local desprazouse á rúa Sol onde un mozo fora agredido. No lugar entrevistáronse cun mozo que presentaba feridas no rostro o cal lles indicou quen lle producira estas feridas dado que continuaba nas inmediacións. Igualmente achegouse outra persoa que manifestou ter presenciado a agresión e que o agresor, despois de golpear o ferido, entrara nun local e cambiárase a camiseta.
Os policías interceptaron o posible autor o cal mostrou en todo momento unha actitude desafiante e insultante cara aos policías e houbo de ser trasladado ás dependencias policiais para os efectos de ser identificado e posteriormente denunciado. O ferido foi trasladado ao CHUAC por unha ambulancia do 061. O autor foi imputado ante o Xulgado de Garda por un delito de lesións quedando a disposición xudicial.











