Despedida aos nove saharauís que participaron no programa “vacacións en paz” na cidade ferrolá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Entrega de agasallos durante a despedida

Entrega de agasallos durante a despedida

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu esta mañá o acto de despedida aos nove nenos saharauís que, procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduff (Alxeria), pasaron os meses de verán acollidos por familias ferrolás. O primeiro edil estivo acompañado no Salón de Recepcións da Casa Consistorial pola concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro; a portavoz do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros; e por outros representantes dos grupos municipais.

Na súa intervención, o rexedor municipal quixo agradecer a presenza das familias de acollida. Así, os representantes municipais presentes fixeron entrega aos nenos e nenas dunha gorra e dunha mochila con roupa como recordo da súa estancia na cidade naval.  Cómpre lembrar, que o programa “Vacacións en Paz” ofrece aos menores saharauís a posibilidade de coñecer formas de vida diferentes, de maneira que contribúa non só á súa formación, senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o saharauí. Os obxectivos desta iniciativa son a reivindicación dos dereitos dos menores saharauís a vivir no Sáhara Occidental e a posta en manifesto da situación actual na que viven; facilitar a asistencia médica e de alimentación; promover entre a sociedade ferrolá os valores de tolerancia e solidariedade; perfeccionar a aprendizaxe da lingua castelán e galega; ofertar unha alternativa de ocio e tempo libre e evitar a súa estancia nos campamentos durante os meses de xullo e agosto onde as temperaturas chegan ata os 50 graos centígrados. Este programa está organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e conta coa colaboración do Concello de Ferrol.

30 de agosto de 2013 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.